#XUVENTUDE

Erasmus+

Información para as empresas

O obxectivo do programa "Erasmus+" é apoiar, a través da aprendizaxe permanente, o desenvolvemento educativo, profesional e persoal das persoas nos ámbitos da educación, da formación, da mocidade e do deporte.


No ámbito estatal, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) é o organismo encargado de xestionar, difundir e promover o programa "Erasmus+" na área da educación e da formación (2021-2027); así mesmo, coordina e participa en proxectos nacionais e internacionais.

O alumnado recentemente titulado e o persoal docente e non docente que traballe en educación e formación profesional dos centros membros do consorcio coordinado pola Deputación de Pontevedra poderán realizar prácticas laborais en países do programa "Erasmus+" ou en terceiros países asociados a este.

Desde a área de Promoción do Emprego da Deputación de Pontevedra xa se colabora con moitos centros de formación, institucións e empresas internacionais de toda Europa nos que estudantes e docentes realizan as súas actividades de mobilidade. Na actualidade o seu obxectivo é chegar a moitas máis empresas para darse a coñecer e así poder establecer relacións sólidas e de longa duración que supoñan un beneficio, tanto para elas coma para o alumnado.

A Deputación é responsable de seleccionar as organizacións de acollida máis axeitadas e de determinar que alumna ou alumno encaixa mellor en cada empresa, en función da súa formación e das súas preferencias de destino.

Condicións de traballo e apoio a estudantes
  • Horario de traballo: as e os estudantes traballan no mesmo horario que o resto do persoal da empresa. Non existe un mínimo de horas e o máximo, así como o descanso semanal correspondente, será o establecido pola lei.
  • Bolsa e beneficios: cada estudante recibe unha bolsa que cobre os seus gastos de viaxe e apoio individual durante a súa estancia. Así mesmo, conta cun seguro persoal xeral, que inclúe o seguinte:
    • A asistencia médica e o traslado sanitario, entre outros servizos.
    • A responsabilidade civil na súa condición de persoa privada para o colectivo asegurado, así como a derivada da actividade profesional obxecto do seguro para o alumnado.
    • Accidentes, que cobre a incapacidade temporal e a permanente.
    • Defunción, que inclúe a repatriación desde o país onde se realicen as prácticas.
  • Aloxamento: aínda que a empresa pode ofrecérllelo ás e aos estudantes, non hai inconveniente en que eles xestionen o seu propio aloxamento.
  • Áreas de traballo: a área de traballo na que a ou o estudante realice as prácticas debe estar relacionada coa súa titulación. No documento “Europass certificate supplement” detállanse as competencias adquiridas polas e polos estudantes e as ocupacións que poden desempeñar. A selección da área específica de traballo depende das posibilidades da empresa e dos intereses das persoas participantes; mesmo poden cambiar de área se fose necesario.
Compromisos e documentación
  • Titora ou titor na empresa: será necesario que a empresa designe unha persoa responsable das tarefas da ou do estudante.
  • Acordo de aprendizaxe: neste documento defínense as condicións (datas de inicio e finalización, tipo de actividade e ámbito) e os resultados esperados na aprendizaxe. Nel detállanse as actividades e as tarefas concretas que as persoas participantes realizarán durante a actividade de mobilidade, as titorías e supervisión, o formato e criterios de avaliación e o recoñecemento dos resultados de aprendizaxe. Este acordo asínase entre a persoa participante, a organización de envío (neste caso, a Deputación de Pontevedra) e a organización de acollida, polo que inclúe os datos identificadores das partes implicadas.
  • Certificación de incorporación: neste documento acredítase que a persoa participante se incorporou á empresa ou organización de acollida o día estipulado e que as prácticas se iniciaron correctamente. A Deputación elaborará este documento, no que se especificarán o nome da persoa participante, o propósito da actividade, a empresa ou organización onde se realice e as datas. A empresa debe envialo no prazo de 15 días desde a incorporación ás prácticas.
  • Certificado de finalización: neste documento certifícase a correcta realización e finalización do período de prácticas. A Deputación elaborará este documento, no que se detallarán o nome da persoa participante, o propósito da actividade, a empresa ou organización onde se realice e as datas. A empresa debe envialo no prazo máximo de 15 días, contados a partir da data de finalización.
  • Informe de avaliación das prácticas: a titora ou titor da empresa ou organización de acollida deberá realizar un informe de valoración das prácticas, cuxo obxectivo é avaliar o desempeño das persoas participantes. Neste documento incluiranse aspectos coma a adaptación ás prácticas, a integración na organización, o grao de cumprimento do horario e a puntualidade, o compromiso ou o nivel de implicación. A empresa debe envialo no prazo máximo de 15 días, contados a partir da data de finalización.
  • Europass mobility: ao finalizar a mobilidade, a empresa recibirá un correo electrónico para validar este documento, o cal describe as competencias desenvolvidas pola persoa participante durante a súa mobilidade Erasmus.
  • Avaliación sobre a alumna ou alumno: ao acabar a mobilidade, enviaráselle á empresa un documento para que esta avalíe a aprendizaxe, as habilidades, as competencias e a actitude da alumna ou alumno durante as prácticas.
Preguntas frecuentes
  • Quen supervisará as prácticas na empresa durante a mobilidade?
    Unha titora ou titor dentro da empresa, que será a persoa de referencia na compañía. Por outra banda, o persoal responsable do proxecto da Deputación de Pontevedra ou a persoa en quen esta delegue tamén supervisará que as prácticas se desenvolven de forma adecuada.
  • Cal é o horario de prácticas?
    O que estableza a empresa, aínda que este non poderá superar a xornada máxima legal de cada país.
  • Pódense ampliar as prácticas na empresa?
    Si, pode solicitarse a ampliación, sempre que a Deputación teña coñecemento do interese de ambas as partes (a empresa de acollida e a persoa participante no programa “Erasmus+”), como mínimo, un mes antes de que finalice o período de mobilidade.
    O período adicional deberá ser inmediatamente posterior ao período de mobilidade en curso.
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 25 resultados.