Árbore dos pagodes

Ginkgo biloba L.

Árbore dos pagodes

Familia: Ginkgoaceae

Árbore caducifolia

Especie dioica

Coloración outonal

Orixe: orixinaria da China e do Xapón.

Porte e altura: pode acadar os 40 m de altura e a súa copa presenta forma piramidal nos exemplares masculinos e máis ampla e horizontal nos femininos.

Follas: simples, de cor verde clara, a modo de abanico e están divididas case por completo en dous lóbulos e cun longo pecíolo. Están dispostas de forma alterna en acios de 3 a 5 follas. En outono a cor das follas tórnase amarela.

Froito: só presentes nos exemplares femininos, son semellantes a drupas carnosas con forma globosa de 2 a 3 cm de diámetro, que ao maduraren adquiren un olor pouco agradable.

Outros datos: a súa cortiza é de cor gris e presenta gretas.

Utilidades e curiosidades: empregada como árbore ornamental e moi valorada pola rechamante coloración outonal da súa follaxe. Os exemplares empregados adoitan ser machos polo mal olor que desprenden os froitos das femias. É a única especie do seu xénero e considérase un fósil vivente, xa que apenas sufriu modificacións na súa morfoloxía desde fai máis de 200 millóns de anos. É unha árbore lonxeva.

O seu nome común vén dado por ser esta especie plantada habitualmente nos xardíns dos templos. Tamén se coñece como a árbore dos corenta escudos, debido a que ese foi o prezo que chegou a pagar un afeccionado de París a un horticultor inglés por cada un dos cinco exemplares que lle mercou.

A súa madeira pódese empregar en ebanistería e as súas sementes son comestibles. É moi utilizado na medicina tradicional chinesa para a estimulación da circulación sanguínea.

Necesidades e cultivo: require climas húmidos, solos profundos e ben drenados con exposición soleada ou de sombra parcial. Soporta ben a contaminación urbana.