Camelia rosiflora

Camellia rosiflora Hook

Camelia rosiflora

Familia: Theaceae

Arbusto perenne

Floración no inverno e na primavera

Orixe: especie nativa da China

Porte e altura: arbusto lixeiramente aberto, con ramas pendulares, de crecemento rápido, que pode acadar os 2 m de altura no seu hábitat natural.

Follas: con pecíolos de 6 a 10 mm de longo, elípticas, coa fase glabra e co envés co nervio central prominente, marxe profundamente serrada, ápice acuminado e base cuneiforme. O tamaño oscila entre 4,5 e 8 cm de longo e  2 a 2,5 cm de ancho.

Flores: terminais e axilares, duns 3,5 cm de diámetro, simples ou semidobres, con 6 a 9 pétalos obovados, soldados entre si e á columna de estames, con forma de campaíña e de cor rosa.

Froito: pequena cápsula, cunha superficie lisa que adquire unha coloración avermellada ao madurar.

Outros datos: floración moi abundante, no inverno e na primavera.

Usos e curiosidades: cultívase como planta ornamental. Foi introducida en Occidente por un viveiro chinés ao redor dos anos cincuenta.

Necesidades e cultivo: é propia de climas temperados e húmidos, con choivas abundantes. Crece mellor á sombra e ao abrigo de árbores máis altas, en solos ácidos, ricos en materia orgánica e ben drenados. Aínda que non require unha poda anual, responde moi ben a ela, e é necesaria cando se quere facer a planta máis compacta e arbustiva ou para darlle unha determinada forma.