Camelia williamsii 'Anticipation'

Camellia x williamsii 'Anticipation'

Camelia williamsii 'Anticipation'

Familia: Theaceae

Arbusto perenne

Floración no inverno e na primavera

Orixe: creada por L. E. Jury, en New Plymouth (Nova Zelandia).

Porte e altura: arbusto de crecemento lento e porte erguido.

Follas: escuras, duns 8 cm de longo e 3,5 cm de ancho, lanceoladas, coa marxe dentada e co ápice apuntado.

Flores: de 8 a 10 cm de diámetro, cor rosa moi brillante, forma de peonia, con numerosos pétalos elípticos dispostos en seis liñas, coa marxe lixeiramente ondulada e pequenas amosegas. Teñen numerosos petaloides xaspeados de rosa claro ou branco, mesturados cos pétalos internos e cos estames, que teñen os filamentos brancos e as anteras alaranxadas.

Outros datos: florece en xaneiro e esténdese ata abril. Floreceu por primeira vez en 1959.

Usos e curiosidades: cultívase como ornamental. Recibiu o Premio ao Mérito da Real Sociedade de Horticultura en 1974.

Necesidades e cultivo: é propia de climas temperados e húmidos, con choivas abundantes. Crece mellor á sombra e ao abrigo de árbores máis altas, en solos ácidos, ricos en materia orgánica e ben drenados. Aínda que non require unha poda anual, responde moi ben a ela, e é necesaria cando se quere facer a planta máis compacta e arbustiva ou para darlle unha determinada forma. É adecuada para a formación de sebes.