Criptomeria

Cryptomeria japonica (Thunb. ex L. f.) D. Don

Criptomeria

Familia: Cupressaceae

Árbore perennifolia

Orixe: A China e O Xapón

Porte: de tronco recto e copa densa, con porte estreitamente cónico, que se volve columnar coa idade; pode acadar os 70 m de altura

Follas: aciculares, de sección cuadrangular, dispostas en espiral; son similares a agullas, flexibles, curvadas e de cor verde clara

Froito: conos solitarios, globosos, de 2 a 3 cm de diámetro, con pedúnculo curto, formado por pezas leñosas co dorso e co ápice con puntas mucronadas; de cor verde ao principio, que se torna en marrón ao madurar

Outros datos: a súa casca grosa, branda e fibrosa é de cor parda avermellada e exfóliase en tiras lonxitudinais

Utilidades: actualmente cultívase en numerosos países para aproveitar a súa madeira ou como ornamental en parques e xardíns. O sugi é a árbore nacional do Xapón, comunmente plantada ao redor dos templos. Alí a madeira desta especie considérase moi valiosa na construción debido ao seu tamaño, á facilidade para traballala e á súa alta durabilidade. Destaca a cor marrón que toman as súas follas no outono, que despois recobran o seu verdor na primavera. Cómpre destacar a forma 'Elegans', de follas longas, suaves, de tonalidade invernal avermellada. É unha especie de rápido crecemento

Necesidades: require climas húmidos; no momento da plantación o sol de mediodía pode queimar as súas follas; por iso, é recomendable plantala en zonas de media sombra. Especie apta para terreos areosos e ácidos