Melaleuca rosa (cast. melaleuca rosa)

Melaleuca nesophila F. Muell

Melaleuca rosa

Familia: Myrtaceae

Arbusto perenne

Orixe: Australia.

Porte e altura: arbusto ou árbore que pode acadar os 6 m de altura, de porte aberto e irregular que pode modificarse coa poda.

Follas: alternas, de 2,5 cm, con forma elíptica e co ápice agudo ou redondeado, de cor verde media.

Flores: de 3 cm, de cor rosa-púrpura, en forma de pompón, que aparecen na terminación das ramiñas anuais. A floración é abundante e moi rechamante, e ten lugar na primavera e no verán.

Froito: cápsula leñosa redondeada, persistente.

Utilidades e curiosidades: especie de gran valor ornamental pola súa abundante e orixinal floración. Pode empregarse como exemplar illado, en grupos arbustivos e incluso en sebes non formais. A súa cortiza é agrisada e gretada.

Necesidades e cultivo: require solos ben drenados, pois é sensible aos encharcamentos; soportan a salinidade e a exposición ao vento, e resiste a seca. Prefire exposicións soleadas, que favorecen a súa floración. Recoméndase unha poda despois da floración para conseguir un porte máis compacto.