Tuia xigante

Thuja plicata Donn ex D. Don

Tuia xigante

Familia: Cupressaceae

Árbore perennifolia

Orixe: Costa occidental de América do Norte, desde o noroeste de California ata o sueste de Alaska

Porte: a copa adquire unha forma cónica e rematada en punta; árbore de grandes dimensións que no seu lugar de orixe pode acadar os 70 m de altura

Follas: escamiformes, dispostas en catro filas, de cor verde escura brillante; teñen manchas esbrancuxadas na cara inferior e cando se esmagan desprenden un aroma a resina

Froito: conos de pequeno tamaño, alongados e erectos, formados por 6 a 12 escamas imbricadas, fértiles, planas e terminadas nunha pequena punta. Cada escama contén na súa axila dúas  sementes aladas

Outros datos: ao principio a súa casca é lisa e brillante, logo tórnase fibrosa, pardo avermellada ou agrisada, con longas gretas lonxitudinais. As ramas novas son algo colgantes

Utilidades: especie de interese forestal e ornamental. A súa madeira é excelente, moi aromática e duradeira, trabállase con facilidade e resiste ben a intemperie. En Europa emprégase como planta ornamental con moita frecuencia, ben como pé illado ou en formacións de cortaventos ou de sebes. Admiten moi ben a poda. É moi frecuente o uso do cultivar 'Zebrina', que se chama así polas súas poliñas variegadas de amarelo. É unha planta moi lonxeva e de rápido crecemento nos primeiros anos.

Necesidades: crece facilmente tanto a pleno sol coma en sombra parcial. A exposición a ventos fríos e fortes pode ser prexudicial para as plantas novas. Crece na maioría de tipos de solo, pero prefire os húmidos e fértiles