EXPOSICIÓN

ANDRÉS FREIRE

A VIDA DAS COUSAS

Sala de exposicións do Palacete das Mendoza, Pontevedra

Do 3 ao 28 de xuño de 2026

Inauguración: mércores 3 de xuño, ás 19:30 h


Esta exposición supón unha viaxe no tempo pola provincia de Pontevedra da man de Andrés Freire, á vez que pola súa obra, desde os comezos ata a máis tardía, apreciando a súa evolución.

Andrés Freire Conde, A Graña (Ferrol), 1927-A Coruña, 2020

Andrés Freire Conde naceu en 1927 na Base Naval da Graña, onde era xefe o seu pai, mariño de guerra. Foi o sétimo fillo dunha familia de nove irmáns. Militar de carreira, artilleiro, diplomado de Estado Maior e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, culminou a súa longa e densa carreira militar como capitán xeral de Levante en Valencia entre 1988 e 1991. A súa profesión militar levouno a percorrer moitos lugares de España e do mundo. En Pontevedra residiu entre 1966 e 1971, anos que lembraba como “de vida mansa e peirao. Paseos cos nenos pola Ferrería o domingo pola mañá e, cada tarde, ver os patos nas palmeiras; e, no verán, a praia de Chancelas”. Foron anos felices, lembrábaos especialmente cando volvía, en vacacións, debuxar nas súas rúas. Foi un debuxante e pintor autodidacta, debuxaba case compulsivamente nas datas previas a marchar de cada cidade, como querendo levar consigo todas esas vivencias e sensacións. Moitos dos debuxos que aquí atoparedes son desa despedida de Pontevedra en 1971.

Tratando de explicar a súa obra, dicía: “No debuxo, coma en calquera rama da arte, a simplicidade é fundamental. Non se trata de abarrotar o papel de raias. Hai que conseguir o equilibrio no sinxelo”. Chegou a facer dezaseis exposicións individuais; ademais, participou en oito exposicións colectivas, nas que obtivo oito premios. En 1991 concedéronlle a medalla da Real Academia de Belas Artes de Valencia.

Durante a maior parte da súa traxectoria como artista dedicouse ao debuxo en branco e negro, quizais a técnica que mellor o define. Pero nos anos noventa, en Valencia, volveu pintar con acuarela. Andrés era un artista con alma de poeta; o debuxo era a súa paixón, a súa válvula de escape. Gustáballe pintar e escribir en calquera momento, capturando escenas e instantes, e revivía con forza eses recordos e emocións cando observaba a súa propia obra e relía os seus comentarios.

Nesta mostra expóñense obras creadas desde os anos cincuenta ata a primeira década do 2000: plumas de Vilanova de Arousa, Cambados, Caldas de Reis e Pontevedra; acuarelas da súa primeira e última etapa, e debuxos feitos co seu rotulador Flo-Master, co que tanto gozou nos distintos períodos. Esta viaxe no tempo pola provincia permítenos contemplar a súa faceta como cronista visual: cos seus debuxos descubrimos detalles que o inexorable paso do tempo borrou, recunchos que a hábil representación de Andrés Freire preservou para o presente e o futuro.