#CULTURA

Exposición "Oroza camiñante (1923-2026)"

“Oroza camiñante (1923-2026)”

Sala Rosalía de Castro, sede da Deputación en Vigo

“Pinturas para Carlos Oroza”

Sala Maruja Mallo, sede da Deputación en Vigo

 

Inauguración: xoves 29 de outubro, ás 19.30 h

Do 29 de outubro ao 4 de decembro de 2026

Horario de visita: de luns a venres, de 9.00 a 20.30 h


A Deputación de Pontevedra e a asociación Évame Oroza, cuxo obxectivo é manter viva a obra e a figura de Carlos Oroza, organizan “Oroza camiñante (1923-2026)”, unha exposición sobre o poeta tan ligado a Vigo nos seus últimos anos. O contido dos paneis alterna imaxes extraídas do extenso álbum persoal deste, algunhas cedidas pola Fundación Novoneyra ou por artistas que conviviron con el, con outros nos que os textos se suman á parte visual para narrar a biografía e traxectoria de Oroza. A través destes paneis, pódese percorrer a súa peripecia vital e literaria, así como as conexións cos lugares e coas creadoras e creadores da súa xeración.

Así mesmo, haberá unha serie de actividades que actúan como complemento dinamizador e unha exposición de Xaquín Chaves, titulada “Pinturas para Carlos Oroza”, a cal conta con varios cadros de gran formato que o artista realizou inspirado no poeta. Estas dúas mostras contribúen á homenaxe que a cidade de Vigo e mesmo a comunidade galega lle deben a un dos poetas máis únicos, singulares e influentes das últimas décadas.

As exposicións abriranse cunha lectura dalgúns versos de Carlos Oroza por parte da poeta Francesca d’a Silva e coa actuación musical da cantante e arpista Clara Pino. A presentación correrá a cargo da escritora e actriz María Lado. Tras o acto de apertura, farase unha visita guiada ás mostras.

Concerto poético: Trigo nas fronteiras

11 de novembro, ás 20:30 h, Sala Rosalía de Castro, sede da Deputación en Vigo

Trátase dun espectáculo musical e poético baseado na improvisación dirixida por sinais, disciplina que en Galicia conta cunha longa traxectoria, con experiencias coma a orquestra O.M.E.Ga, a Metamovida ou a Orquestra Galega de Liberación. Nesta produción participan as e os músicos Mig Seoane, Xabier Bértolo, Macarena Montesino e LAR Legido, que unen a súa formación regrada no conservatorio cunha longa experiencia na música experimental e na improvisación. A este elenco úneselle a poeta Branca Trigo, que fiará os seus propios poemas con outros de Carlos Oroza. O espectáculo Trigo nas fronteiras (título que fai referencia a un poema de este artista) nace dunha idea orixinal producida pola asociación Évame Oroza para o III Festival de Poesía e Oralidade Máis Alto que o Ceo, que se estreou en xullo de 2026.