EXPOSICIÓN
Ricardo Portela
inmorrente
Do 5 ao 21 de novembro 2025
Vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra
Horario de visita: de luns a venres de 9 a 20 h.
Desde a Deputación de Pontevedra rendémoslle homenaxe a Ricardo Portela, que foi imprescindible na conexión da tradición dos vellos gaiteiros coas novas xeracións, coa exposición "Ricardo Portela, inmorrente", co obxectivo de contribuír á difusión da súa vida e obra e destacar os seus fitos fundamentais a modo de lembranza e exemplo para as novas xeracións.
Ricardo Portela (1920-1992), gaiteiro de Viascón, é unha figura clave da nosa música tradicional e da gaita en particular, que el mesmo cualificou como un instrumento "inmorrente". Símbolo do gaiteiro tradicional, que profesou un amor profundo a Galicia e á súa música, foi un grande intérprete que creou escola con moitos dos recursos do seu propio estilo, que permanecen vivos no xeito de tocar dalgunhas e dalgúns dos gaiteiros máis recoñecidos da actualidade.
Portela, un mestre de mestres, representa a gran responsabilidade cultural de ser gaiteiro alén da súa extraordinaria sensibilidade musical e do seu persoal estilo interpretativo, acadando o recoñecemento en vida.
Ricardo Portela Bouzas
Naceu en Viascón (Cerdedo-Cotobade) en 1920, onde viviu ata os 12 anos, e comezou a tocar cos seus irmáns Jesús e José, cos que formou o grupo infantil Airiños do Cañón de Buxo. Nesta etapa ve tocar polas rúas de Pontevedra durante o Corpus a Xoán Tilve Castro, o Gaiteiro de Campañó, e garda na súa memoria algunhas pezas do seu repertorio, marcado por aquel toque pechado que reivindicaría anos despois. Os títulos dos seus discos en solitario fan referencia directa ao seu lugar e concello de nacemento: Festa en Viascón e Alborada en Cotobade. Nos anos 80 dirixiu a Escola de Gaitas de Carballedo (Cerdedo-Cotobade) a proposta de Wenceslao Cabezas, Polo, quen anos atrás fundara a Escola de Baile.
En 1932 trasladouse a Vigo coa súa familia, onde recibiu o maxisterio na gaita de Xosé Oliveira Blanco, Pepe o Moreno, do grupo Os Morenos de Lavadores. Sen lugar a dúbidas, a Cidade Olívica sempre foi un lugar de referencia na súa traxectoria, á que sempre que podía ía para visitar o seu mestre e outros amigos gaiteiros; onde había unha gaita alí estaba Portela. A inmensa maioría dos músicos que tocaron e gravaron con el tamén eran vigueses, coma o seu irmán Jesús, os membros de Vento das Cíes e outros coma Wenceslao Cabezas del Toro (Escola de Danza Municipal de Vigo), Francisco Estévez, Chuco, (ETRAD) ou Antón López (Treixadura), e mantivo unha estreita amizade con grandes referentes da gaita coma Antón Corral (Obradoiro de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular) ou Nazario González, Moxenas.
Ese sentir vigués quedou plasmado nas fotografías do seu primeiro disco, Irmáns Portela, realizadas no monte do Castro e máis no pazo Quiñones de León. A partir da creación do Obradoiro de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular, en 1983, Portela mantivo un contacto permanente con Antón Corral, co Grupo Didáctico e coa Banda de Gaitas Xarabal, da que foi padriño, e na que novos gaiteiros coma Carlos Núñez, Anxo Pintos ou Xosé Manuel Budiño, que marcarían o futuro da gaita na seguinte década, aprendían os segredos do Mestre de Viascón.
En 1959, á volta da súa curta etapa como emigrante en Caracas, instalouse na rúa Laranxo de Pontevedra, combinando esta residencia coa casa familiar da súa muller Osita Laredo en Viascón. Na Boa Vila desenvolve un importante labor docente na súa casa, no instituto A Xunqueira I, na Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente e para determinados grupos de gaitas locais coma Millo Novo ou Airiños do Lérez.
Cerdedo-Cotobade, Pontevedra e Vigo rendéronlle importantes homenaxes. En Carballedo, a carón da casa do concello, instalouse un busto en bronce na súa honra e anualmente celébrase un Festival Folclórico Memorial Ricardo Portela. Así mesmo, en Viascón creouse a Casa da Gaita, cun espazo permanente dedicado á súa figura. Vigo dedicoulle unha rúa en 1992 tras a súa morte. Pontevedra dedicoulle tamén unha rúa, unha placa conmemorativa na súa casa polo 25 aniversario da súa morte e de maneira anual celebra o Memorial Ricardo Portela, que leva 26 edicións.
Alén da súa traxectoria principalmente vencellada a Cerdedo-Cotobade, Pontevedra e Vigo, é importante destacar que Ricardo Portela acadou un importante recoñecemento en toda Galicia, e tamén por parte de moitos gaiteiros doutros países, coma o caso do bretón Patrick Molard. Na actualidade a súa peza Aires de Pontevedra representa Galicia mellor que ningún outro nos denominados Países Celtas.