#EMPREGO

Subvención de emprego

Subvención para o financiamento dos custos de persoal das unidades de apoio á actividade dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro


A través desta nova liña de axudas a Deputación de Pontevedra pretende apoiar o funcionamento dos centros especiais de emprego da provincia de Pontevedra, centros facilitadores da integración das persoas con discapacidade no mercado de traballo para fomentar o acceso ao emprego ordinario deste colectivo, o mantemento do emprego, a mellora da súa empregabilidade ao longo do ciclo laboral e o seu desenvolvemento profesional.

O obxecto desta subvención é financiar os custos de persoal das unidades de apoio á actividade profesional e do persoal que desenvolva accións de coordinación ou dirección dos centros especiais de emprego (en diante CEE) con sede e centro de traballo na provincia de Pontevedra, coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade que teñen maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego neste tipo de centros da provincia de Pontevedra.

O gasto subvencionable comprenderá os contratos do persoal das unidades de apoio á actividade profesional e do persoal que desenvolva accións de coordinación ou dirección comprendidos en todo o ano natural de 2023.

A repartición das cantidades das subvencións establécese en función do número de persoas con discapacidade contratadas no CEE antes da data de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e segundo os seguintes tramos:

  • De 10 ou menos persoas traballadoras con discapacidade:2.500,00 €
  • De 11 a 20 persoas traballadoras con discapacidade: 4.500,00 €
  • De 21 a 30 persoas traballadoras con discapacidade: 6.5000,00 €
  • De 31 a 40 persoas traballadoras con discapacidade: 9.500,00 €
  • Máis de 40 persoas traballadoras con discapacidade:12.500,00 €