Máis de 150 alumnas e alumnos da ESO e de Educación Especial da provincia participarán este curso en “DepoEmprende”

O Pazo provincial acolleu o acto de entrega dos NIF a 11 cooperativas de 6 centros de Educación Secundaria e Educación Especial da provincia co que arranca o programa de emprendemento da Deputación

19/12/2023

alumnos de Depo emprende na escaleira da Deputación

O salón de plenos da Deputación de Pontevedra acolleu a máis de 150 alumnas e alumnos de seis centros de Educación Secundaria e Educación Especial da provincia nun acto no que presentaron as 11 cooperativas coas que participan nunha nova edición de “DepoEmprende na ESO” e “DepoEmprende na escola”. Ademais de dar a coñecer o seu traballo, o alumnado recibiu o número de identificación fiscal (NIF) de man do deputado provincial Javier Tourís, quen foi o encargado tamén de darlles a benvida. Na súa intervención, Tourís destacou a importancia que a mocidade ten para a Deputación, “porque somos moi conscientes de que para que Pontevedra vaia a máis vós, a nosa xuventude, tendes que ser partícipes do noso proxecto”, e aproveitou a ocasión para lembrarlles que o vindeiro ano a institución contará cun servizo de Xuventude, “para organizar actividades dirixidas directamente a vós”.

O deputado explicou que “DepoEmprende” busca ser “unha ferramenta de apoio para os centros educativos que pretende espertar o interese e a curiosidade sobre o voso propio aprendizaxe, aumentando o voso desenvolvemento activo”. Neste eido, quixo agradecerlles o “traballo, dedicación e compromiso dos profesores, que vos están a ensinar o importante que é a cultura do esforzo para poder conseguir todo aquelo que queirades no futuro”.  

O IES Illa de San Simón de Redondela foi o primeiro en dar a coñecer as dúas cooperativas nas que está a traballar: Project Illa e Eco13. A continuación, o colexio Andersen Augalonga de Vigo explicou Treboada; os alumnos do CPI de Cova Terreña de Baiona, deron a coñecer as cooperativas CIGA, Colecuas, Famouz e Laant; os do IES As Barxas de Moaña revelaron que traballarán con Renovatti; o alumnado do CEEPR ACEESCA do Porriño presentou O Mistral, e as nenas e os nenos do CEE Saladino Cortizo de Vigo presentaron as cooperativas Os Cortizos e P.D.A.

O alumnado leva xa traballando nas cooperativas nas últimas semanas e nun proceso que incluíu a constitución, a creación da imaxe corporativa e o logotipo das cooperativas, así como a realización do estudo do mercado e o prototipo do produto. Agora, no que queda de curso, deberán buscar financiamento, deseñar o catálogo e os produtos, determinar os prezos e as canles de distribución, facer publicidade e márketing e preparalo para a venda nun mercado final que organizará tamén a Deputación de Pontevedra.
 
O obxectivo de “DepoEmprende na ESO”, dirixido ao alumnado de 4.º de Educación Secundaria, e de “DepoEmprende na escola”, do que hoxe presentaron as súas cooperativas o alumnado dos centros de Educación Especial despois de facelo onte os de Primaria, é promover competencias relacionadas coa autonomía, a iniciativa e o espírito emprendedor. Ademais, tamén pretende eliminar as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, poñendo ao alumnado como o protagonista da súa aprendizaxe e fomentando o traballo desde a práctica así como a súa solidariedade, xa que as cooperativas participantes no programa farán entrega de parte dos seus beneficios a diferentes ONGs e asociacións.