A Deputación destina preto de 50.000 € para que doce entidades do Salnés desenvolvan proxectos no ámbito social

Os colectivos beneficiados poderán abordar, entre outros, programas de atención a persoas con autismo, TDAH, de promoción da calidade de vida das persoas maiores ou de repartición de alimentos a familias en situación vulnerable

28/10/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegas para doce entidades da comarca do Salnés que traballan no ámbito social, cun investimento total de preto de 50.000 euros. Estas axudas servirán para financiar distintas actuacións que estes colectivos desenvolven para axudar persoas en situación de desvantaxe ou vulnerabilidade social desde os concellos de Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Valga e Vilanova de Arousa.  

As contías destas achegas oscilan entre os 963 e os 5.568 €. No Concello de Vilagarcía de Arousa son nove as entidades beneficiadas. Trátase da Asociación Autismo Bata, que poderá financiar un programa de apoio en contextos naturais dirixido a persoas no espectro do autismo; a Asociación Con Eles, para desenvolver proxectos de mellora da calidade de vida e de musicoterapia para persoas con discapacidade intelectual; a Asociación de Pais do Centro Os Mecos para abordar un servizo de ocio no verán para favorecer a integración social das nenas e nenos con autismo; a Asociación Galega de Linfedema (AGL), que financiará un programa de fisioterapia especializado para persoas diagnosticadas de linfedema e lipedema; a Asociación Lar Pro Saúde Mental de Familiares, Amigos e Enfermos Mentais, para realizar o programa “Aprendendo a pensar mellor: adestramento en metacognición”; a Asociación TDAH Salnés, para realizar as VII Xornadas Anuais Ti Tamén Formas parte do TDAH; a Fundación Acción Contra a Fame, para o programa “Vives Emprega Pontevedra”; a Fundación Amigos de Galicia, para o proxecto “Ponte co emprego” 2023 e a Fundación Asilo Hospitalillo Sagrado Corazón de Jesús, que aborda un proxecto de promoción da calidade de vida das persoas maiores desde unha atención integral.

Por outra banda, en Sanxenxo, a Asociación Banco de Alimentos Rías Baixas terá unha achega para financiar a repartición de alimentos á ONG Cáritas, a comedores sociais e a familias en situación de vulnerabilidade, mentres que en Vilanova de Arousa, a Asociación Cultural O Castro de Baión recibirá unha subvención para crear un espazo multiinclusión. Por último, en Valga a Asociación de Persoas con Discapacidade dos Vales Ulla-Umia (Asdivalu) desenvolverá o proxecto “Explorando cos sentidos”.