A Deputación achega 70.000 euros para que dezaseis entidades de Pontevedra poidan desenvolver actuacións no ámbito social

Con estas axudas, os colectivos beneficiados poderán desenvolver programas coma vivendas de respiro familiar, actuacións de apoio e asistencia para persoas alcohólicas, ou con parálise cerebral, ou de capacitación profesional, entre outros

28/10/2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegas para dezaseis entidades de Pontevedra que traballan no ámbito social, cun investimento total de preto de 70.000 euros. Estas axudas servirán para financiar distintas actuacións que estes colectivos desenvolven na cidade para axudar persoas en situación de desvantaxe ou vulnerabilidade social.

As contías destas achegas oscilan entre os 3.132 e os 5.699 €. As entidades beneficiarias serán a Asociación de Discapacitados Intelectuais Virgen de la O, para poñer en marcha unha actividade de capacitación informática dirixida á integración laboral de persoas con diversidade funcional; a Asociación de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos Alba, que impartirá un obradoiro de cerámica para persoas con trastorno mental severo e persistente; a Asociación Filantrópica Inclusión Social Activa, para desenvolver un proxecto de capacitación persoal e laboral a través da reciclaxe téxtil; a Asociación Alcer, cunha actividade de apoio psicosocial e nutricional na enfermidade renal; ou tamén a Asociación Alcohólicos Rehabilitados de Pontevedra, que lles ofrecerá unha terapia de integración, asistencia domiciliaria e telefónica ás persoas alcohólicas e ás súas familias.

Outras entidades para as que se aprobaron achegas son a Asociación Amizade, que realiza un proxecto de rehabilitación funcional; a Asociación de Nenos e Nenas con Diabetes de Galicia, para desenvolver o programa “Somos Tipo1”; a Asociación Juan XXIII, que xestiona unha vivenda de respiro familiar; a Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural, que porá en marcha un proxecto de sensibilización para previr o suicidio e as condutas lesivas; a asociación para a promoción da saúde Amaina, que levará a cabo unha intervención no medio penitenciario; e Rexurdir Provincial, para apoiar os procesos terapéuticos que desenvolve.

Tamén se beneficiarán Cáritas Diocesana, que recibirá unha subvención para axudar a cubrir necesidades básicas de atención primaria; a Federación Aspace Galicia, que realizará tarefas de información e asesoramento legal para persoas con parálise cerebral e as súas familias; a Federación Down Galicia, que contará cunha achega para levar a cabo un programa de emprego con apoio na provincia; a Fundación Amigó, para o proxecto “Convivindo”; e, por último, a Fundación Tutelar Galega Sálvora, para un proxecto de apoio na toma de decisións na saúde.