A Deputación adxudica as obras de reposición de firme na estrada EP-6202 Rodeiro-Oseira

A institución provincial inviste máis de 400.000 euros nestes traballos, que se desenvolverán en 7,2 quilómetros distribuídos en tres tramos do viario

07/05/2022

Visita a Rodeiro

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar o último paso para abordar as obras de reposición de firme coas que mellorará a seguridade viaria da estrada EP-6202, que une as localidades de Rodeiro e Oseira, e que acaba de adxudicar por un orzamento de 413.195 euros. Os traballos  desenvolveranse na maior parte desta estrada, co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria enmarcadas nas tarefas de conservación no modelo de mobilidade sostible e segura da Deputación.

A actuación, de gran envergadura, suporá a habilitación dunha nova capa de rodaxe na maior parte da estrada, en máis de 7 quilómetros divididos en tres tramos, situados ao comezo da infraestrutura, no tramo medio e na parte final colindante con Ourense.

Levaranse a cabo operacións de reposición de pavimentos na súa superficie (pavimentos deslizantes e/ou fisurados) ou en parte do seu firme (pavimentos deformados). Os traballos completaranse coa reposición da sinalización horizontal e vertical afectada, a fin de garantir a seguridade no viario. O prazo de execución estimado para as obras é de catro meses.