A Deputación adxudica o proxecto da avenida Castelao na Illa de Arousa dando resposta a unha demanda histórica

Cun investimento dun millón de euros a actuación, que recupera o espazo para as persoas, mudará por completo esta céntrica rúa para impulsar a mobilidade peonil e garantir a accesibilidade universal

06/04/2022

O Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicará este venres as esperadas obras de urbanización e recuperación de espazos e de mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao - EP 9803, no concello da Illa de Arousa, cun orzamento de preto dun millón de euros (989.435€). A ambiciosa e transformadora actuación, historicamente demandada pola veciñanza, mudará por completo esta rúa, unha das principais da Illa, ao recuperar para as persoas un viario actualmente destinado aos vehículos, ao abeiro do modelo de mobilidade amable, segura e sostible que a institución está a promover na provincia.

Os traballos, que financia integramente a Deputación xa que a aportación municipal será con cargo ao Plan Concellos, teñen como principal obxectivo espallar a mobilidade universal nun espazo continuo de seguranza viaria de calidade no centro urbano da Illa, realizando un cambio de prioridade co fin de impulsar a mobilidade peonil por diante doutros modos de transporte. Así, a reforma garantirá itinerarios peonís continuos e libres de obstáculos e prevé unha plataforma única sobreelevada de prioridade peonil na zona onde o ancho non permite realizar itinerarios peonís segregados dos vehículos.  

Amais, deseñarase unha vía de única dirección cara a Avenida da Ponte, cun carril central de formigón coloreado en cor grafito de ancho 2,7 m para uso do tráfico rodado e haberá sistemas de calmado de tráfico para incrementar a seguranza viaria (con velocidade máxima de 20 km/h). O proxecto inclúe tamén un aparcadoiro de 18 prazas en batería e xardineiras, árbores e mobiliario urbano moderno e de deseño. Por último, contempla a variación das redes de fecais e pluviais existentes, melloras en servizos urbanos como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e a execución dunha nova rede de abastecemento e unha nova rede de alumeado público LED de alto rendemento.

Logos