A Deputación apoia ao sector primario con subvencións que suman medio millón de euros para as confrarías e as cooperativas agrogandeiras

As achegas concederanse por concorrencia competitiva e sufragarán accións como o uso das novas tecnoloxías ou de enerxías renovables

27/03/2022

Xunta de Goberno  

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde ás bases que regulan este ano a concesión de subvencións dirixidas ás confrarías e ás cooperativas agrogandeiras da provincia e que este ano volven a sumar medio millón de euros. Así o informou a presidenta provincial, Carmela Silva, quen recordou que a  concesión destas axudas realizarase por concorrencia competitiva e, tamén, que entre os criterio “volvemos a valorar moito que as mulleres integren os órganos reitores das entidades que solicitan os investimentos, xa que aínda que non están na dirección das confrarías nin das cooperativas agrogandeiras as mulleres xogan un papel moi importante”.  

O investimento será de 250.000 euros para as confrarías e outros 250.000 para as cooperativas agrogandeiras que poderán empregalos para sufragar gastos como a comercialización e a valoración de producións, o uso das novas tecnoloxías e de enerxías renovables ou investimentos para a mellora dos servizos prestados. 

Ademais, as confrarías poderán empregar estas achegas para a formación técnica e o asesoramento para desenvolver a súa actividade, a transformación das súas producións ou adquirir material para a vixilancia das mesmas. Polas súa banda, as cooperativas agrogandeiras tamén as poderán empregar os fondos provinciais para proxectos de investigación e innovación tecnolóxica