A Deputación aproba 1,2 millóns de euros para outros 12 municipios da provincia co Plan Concellos

A Illa, Catoira, Arbo, Mondariz-Balneario, Vilagarcía, Meis e Valga contarán con case 919.500 euros da liña 1 de Investimentos para accións de transformación

05/03/2022

A Deputación de Pontevedra ven de dar luz verde en Xunta de Goberno a 1,2 millóns de euros do Plan Concellos. Foron aprobados 919.477 euros da liña 1 de Investimentos, que servirán para financiar múltiples actuacións de transformación como melloras de mobilidade peonil ou humanizacións en sete concellos, case 200.000 euros da liña 2 de Amortizacións para outros tres concellos e 108.400 da liña 3 de emprego que favorecerán a contratación de 12 persoas traballadoras.

As subvencións da liña 1 chegarán á comarca do Salnés con dúas “achegas moi importantes coas que se farán obras transformadoras” na Illa de Arousa e que suman 342.174 euros. 168.018 euros destinaranse á urbanización de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao, e 174.156 euros para poder financiar a achega municipal da recuperación da Praza do Regueiro como espazo público e cohesión social, enmarcada no Plan ReacPon. Tamén foron aprobados 156.517 euros que servirán para pavimentar varios camiños en Catoira; e 78.755 euros para humanizar a rúa Aquilino Iglesias Alvariño de Vilagarcía de Arousa. A Deputación tamén deu luz verde a dúas achegas que servirán para sufragar a parte correspondente dos proxectos do Plan ReacPon dos concellos de Meis, 76.157 euros, para a rehabilitación do centro deportivo, e de Valga, 75.137€ para a nova senda peonil e vía ciclable na contorna da Gándara de Campaña.

Tamén foron aprobados recursos da liña 1 para a comarca do Condado-Paradanta con 99.480 euros para financiar a achega municipal ao convenio de colaboración entre Arbo e a Deputación para  a mellora da mobilidade peonil en dous tramos da EP-5202 e da EP-5203. Con esta achega a institución provincial financia o custo total destas “potentes actuacións en infraestruturas” que é de máis de 663.000 euros. Ademais, tamén foron aprobados 91.257 euros cos que Mondariz-Balneario restaurará o palco da música.

Do mesmo xeito, o Goberno deu luz verde a case 200.000 euros da liña 2 de Amortizacións, que chegarán aos concellos de Cambados (66.963 euros), Moaña (70.646 euros) e Redondela (60.000 euros). Ademais, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 108.400 euros da liña 3 de Emprego que permitirá a Ribadumia contratar a 12 persoas traballadoras de perfís como peóns e peoas de obras públicas, oficiais de primeira albaneis ou monitores/as de ocio e tempo libre.