A Deputación celebra as cinco medallas de ouro do nadador Miguel Martínez

30/12/2022

recepción miguel martínez

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibiu no Pazo Provincial ao nadador vigués que vén de conquistar seis metais, cinco deles ouros, entre o Campionato de España de piscina curta e a Copa de España de clubs. Gorka Gómez cualificou a Miguel como “ un deportista de altísimo nivel que está a poñer o nome de Vigo e da provincia no panorama nacional”.

O deputado salientou a importancia de “seguir apostando polo deporte dende a base” remarcando o traballo das administracións públicas, “temos que dar apoio permanente aos deportistas dende o berce” e “a obriga de axudar ás e os deportistas en todas as súas iniciativas”. Tamén destacou o esforzo e sacrificio que hai detrás dun éxito deportivo e a importancia de valorar o traballo de todas as persoas “que fan posible que os deportistas cheguen á elite”.

Pola súa parte, Miguel Martínez agradeceu á institución provincial o recibimento e fixo unha valoración dos seus recentes éxitos tanto en competicións nacionais como internacionais onde ademais, quedou a piques de acadar o récord de España nos 200 bolboreta. “Levo traballando moi duro nos últimos meses e pouco a pouco van saíndo os resultados”.  Agora enfocará o seus esforzos no Open de Primavera, para conseguir estar no Mundial de natación, “teño que loitar para conseguir unha praza”.