A Deputación e o Concello continúan transformando Silleda coa inauguración da gran rotonda que comunica o centro urbano co parque das Pedrosas

Carmela Silva anunciou a construción da nova senda peonil entre o núcleo de Toiriz e a conexión coa N-525

21/06/2022

A rotonda que mellora a conexión da estrada provincial EP-7201 coa estrada autonómica a Laro e facilita un itinerario peonil seguro dende a trama urbana de Silleda a través da rúa do Centro de Saúde e o Centro de Maiores ata o parque das Pedrosas e o cemiterio municipal xa é unha realidade. A obra, que supuxo un investimento de 252.300 euros a cargo da Deputación, foi inaugurada hoxe por Carmela Silva e o alcalde, Manuel Cuíña nun acto que trouxo tamén o anuncio do novo proxecto de creación dunha senda peonil de 1,4 Km ao longo da estrada provincial e da instalación na rotonda "nun prazo moi breve dun elemento patrimonial moi potente, que será un hórreo de pedra elaborado pola Escola de Cantería".

"Esta non é unha rotonda sen máis. É un instrumento para facilitar unha circulación que garanta a seguridade das persoas nunha contorna onde hai moitos equipamentos públicos", asegurou a presidenta Carmela Silva quen aproveitou tamén para subliñar a transformación acometida nesta zona. "Co plan DepoRemse este espazo tense convertido en Manhattan, pero agora ten unha rotonda cun hórreo que quen lle dera a Manhattan e terá unha senda peonil de 1,4 km extraordinaria que vai cambiar a imaxe deste lugar tan importante". Silleda, engadiu a presidenta, "está irrecoñecible dende que Manuel Cuíña é o seu alcalde, pero non soamente no núcleo urbano, senón en todos os seus núcleos, transformando o concello como nunca antes se fixera, con equipamentos e infraestruturas renovadas e posibles grazas aos recursos propios do concello, dos fondos europeos que traslada o Goberno de España e da Deputación de Pontevedra, que ten investido como xamais antes se fixera nesta vila que é corazón do Deza".

Pola súa banda o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, quen agradeceu e recordou o continuo apoio da Deputación en proxectos como a mellora de camiños, financiados integramente pola institución provincial, a urbanización da residencia ou a actuación na rúa do Progreso, remarcou a importancia da nova rotonda para "garantir a seguridade da veciñanza". Ademais, enxalzou a senda cuxa construción se vén de anunciar, "na que levamos semanas traballando, xunto coa veciñanza e que vai permitir que todas e todos gañedes en seguridade. Dende a rotonda da gasolineira ata a estrada que une con Toiriz non vai deixar unha vivenda fóra". Tamén puxo en valor o hórreo que decorará a nova rotonda: "un monumento acorde ademais co noso territorio, cun elemento que tanto nos identifica".

A rotonda, deseñada polo departamento de Infraestruturas da Deputación, vai absorber correctamente o tráfico rodado e, sobre todo, facilitar os tránsitos peonís dende Silleda en dirección aos espazos dotacionais situados ao outro lado da estrada provincial. Nos seus 36 metros de diámetro exterior e 16 do círculo interior, acolle unha senda peonil de 2,50 metros de ancho por todo o seu bordo exterior que substitúe funcionalmente á antiga, antiestética e perigosa pasarela metálica, que non só relegaba aos peóns, senón que impedía a accesibilidade para persoas con problemas de mobilidade. Ademais, a obra inclúe novas redes de recollida de augas pluviais e alumeado público con farois de tipo led. A senda deixa xa previstas as embocaduras da prolongación a ambos lados.

A Deputación e o Concello suman forzas para facer realidade 1,4 Km de senda peonil

A visita de Carmela Silva serviu tamén para anticipar o deseño do proxecto da nova senda peonil ao longo de 1,4 Km da EP-7201 e que formará un itinerario seguro continuo, en toda a fronte urbana de Silleda, é dicir entre o acceso ao núcleo de Toiriz por un lado e a rotonda de enlace coa N-525 polo outro (entre os PQ 21+017 e o PQ 22+444). Unha gran obra para a que se baralla un orzamento de 690.000 euros que será financiado a través dun convenio polo que a Deputación achegará o 80% e o Concello o 20% restante.

A futura senda peonil, coa nova rotonda da estrada provincial no centro, terá un ancho mínimo de 2 metros e estará acabada en formigón coloreado. Discorrerá en todo o percorrido polo lado máis próximo ao centro urbano de Silleda, dando continuidade ás actuacións acometidas pola Deputación e posibilitando un tránsito peonil continuo ata Toiriz, o IES Pintor Colmeiro, o cemiterio municipal e o parque das Pedrosas. Ademais, mellora o cruzamento nesta zona do Camiño de Santiago. As obras incluirán a instalación de pasos de peóns sobreelevados para garantir tamén a prioridade peonil á hora de cruzar e unha nova rede de augas pluviais para eliminar as cunetas existentes e gañar o espazo necesario para a senda. Estará tamén dotada de alumeado público, con canalización soterrada e luminarias LED de alto rendemento para garantir a seguridade en horario nocturno. Ademais disto será necesaria a ocupación de 168 metros cadrados que o Concello deberá xestionar. O prazo de execución das obras, unha vez que comecen, será de 6 meses.

Tanto a presidenta da Deputación como o alcalde de Silleda aproveitaron a ocasión para facer un chamamento "amigable" á Xunta de Galicia, que vén de anunciar un investimento de 600.000 no reasfaltado da estrada autonómica de Laro, para que constrúa unha senda peonil nas marxes da mesma ata pasar o Marco, "onde a cidadanía está condenada a non poder saír das súas casas con seguridade".

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.