A Deputación mellorará a seguridade viaria da EP-2502 Cerquido-Ribadelouro en Tui cun investimento de preto de medio millón de euros

As obras contemplan unha zona de convivencia con preferencia peonil na contorna do Centro Cultural e da igrexa de Santa Comba, así como o acondicionamento do viario municipal que cruza a contorna onde se actuará

06/03/2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente de contratación para abordar as obras de mellora da seguridade viaria da EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, no concello de Tui, nas que se investirá un orzamento de preto de medio millón de euros (468.243 €), do que a institución provincial asumirá o 70% (327.770€) e o Concello o restante 30% (140.473€) . O proxecto enmárcase no modelo da mobilidade amable e segura da institución provincial, no que se prima a seguridade e protección dos colectivos máis vulnerables, peóns/as, ciclistas e persoas con mobilidade reducida, de xeito que, como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, “este proxecto vai supoñer unha importante transformación nun lugar onde vive moita xente que vai recuperar espazo público”.

En concreto, a actuación, que se desenvolverá entre os pq1+950 e 2+150 desta estrada, permitirá a creación dunha nova zona de convivencia con preferencia peonil na contorna do Centro Cultural e da Igrexa de Santa Comba, moi concorrida. Amais, acondicionarase o viario municipal que a cruza neste punto para recoller o tráfico dos vehículos que se desviarán coa peonalización, mellorando así mesmo o trazado existente ao ampliar o radio das curvas máis pechadas, e co deseño dunha beirarrúa máis ancha que a existente para separar o tráfico peonil. As obras completaranse coa renovación da iluminación e recollida das pluviais, e incorporaranse elementos redutores de velocidade. Os traballos comprenden así uns 200 metros de zona de tráfico peonil, e uns 300 de viario municipal con senda.

Máis polo miúdo, a mellora da mobilidade peonil acadarase mediante as obras de demolición do viario EP-2502 na zona de actuación, para peonalizar o ámbito, así como das beirarrúas e parte da sección da calzada necesaria para a ampliación da senda no caso do viario municipal. Executarase o pavimento da nova ordenación deseñada, que combinará formigón con lousas de pedra na zona peonil, e  no viario municipal senda de formigón coloreado. Amais, abordarase o reforzo do firme da calzada no viario municipal mediante fresado e reposición de la capa de rodadura e as obras contemplan a reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito, así como a instalación de mobiliario: bancos, arborado e bolardos, para acondicionar a contorna. A mellora completarase coa execución dos servizos urbanos necesarios, que inclúen o soterramento do alumeado, rede eléctrica e de telecomunicacións.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.