A Deputación pecha o acordo co concello de Vilanova de Arousa para a construción da senda peonil na estrada das Sinas

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, celebrou unha nova xuntanza co tenente de alcalde Javier Tourís, na que se acordaron os tramos da vía que serán transferidos

16/02/2022

O convenio para a mellora da mobilidade peonil na EP-9702, coñecida como a estrada das Sinas, xa está acordado entre a Deputación e o Concello de Vilanova de Arousa. A obra, valorada en 273.067 euros, permitirá a execución dunha senda peonil de 810 metros de lonxitude que dará continuidade á beirarrúa existente. O acordo alcanzouse nunha nova xuntanza do deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o tenente de alcalde vilanovés, Javier Tourís, que deu continuidade a outra anterior na que se presentou o proxecto ao Concello.

A Deputación achegará o 80% do financiamento (218.453€) e o Concello o 20% (54.613€). O Concello asume as obrigas de tramitar todas as autorizacións necesarias, obter a cesión dos terreos, sen que poida iniciarse a licitación sen que estean á disposición da Deputación, e achegar o compromiso do acordo colexiado competente para a aprobación do convenio. As obras incluirán a demolición de parte do aglomerado existente e a construción do novo itinerario peonil cun ancho mínimo de 2,5 metros e acabado en formigón coloreado entre os PQ 1+415 e o PQ 2+225 pola marxe dereita. A maiores efectuarase a renovación completa do aglomerado asfáltico entre os PQ 1+780 e o 2+225, así como a renovación da sinalización vertical e horizontal e unha nova rede soterrada de  recollida de augas pluviais ao longo dos 810 metros totais da  actuación na estrada provincial.

O proxecto mantense, por tanto, nas mesmas condicións que o acordado e o convenio cambia, a petición do Concello, no relativo aos tramos da rede provincial de estradas que serán cedidos ao patrimonio municipal unha vez rematadas as obras. Así da previsión inicial de transferir os 575 metros finais do treito antigo da EP-9703 Vilanova-Ponte Arnelas e os 86 metros finais do antigo treito da EP-9002 Fefiñáns-Oubiña, pásase a transferir os 86 metros da Fefiñáns-Oubiña e, a maiores, os 810 metros da senda peonil  que dan continuidade ás beirarrúas, manténdose a titularidade da Deputación sobre o resto da plataforma (carrís de circulación e beiravías).

A estrada provincial Vilanova-As Sinas ten unha lonxitude total de 3,4 km e unha intensidade media diaria de 1.861 vehículos, segundo o último Plan de Aforos da rede provincial de estradas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.