A Deputación ponse do lado da Federación Provincial de Confrarías para reclamar da Xunta de Galicia axudas directas ao sector diante da suba do gasoil

Carlos Font destaca que as competencias exclusivas sobre pesca son da Administración autonómica “que é a porta á que todos/as temos que chamar con toda a forza da razón”

02/05/2022

Apoiar ao sector do mar e animalo a insistir na reclamación de que a Xunta de Galicia, como Administración competente e que recada impostos dos hidrocarburos, poña en marcha de xeito inmediato un plan de axudas directas que mitigue o impacto da suba nos combustibles foi o contido da xuntanza que os deputados Carlos Font e Santos Héctor mantiveron hoxe coa xunta directiva da Federación Provincial de Confrarías, encabezada polo seu presidente, José Manuel Rosas. Unha xuntanza na que a Deputación púxose ao lado do sector “para que todos e todas, e con toda a forza da razón, chamemos á porta á que hai que chamar”.

Durante a conversa, que se celebrou nun clima de cordialidade, Font expresou a postura da Deputación no sentido de que a Xunta de Galicia ten atribuídas as competencias exclusivas sobre os sectores da pesca, agrogandería e transporte e virtude dos artigos 27 e 30 do Estatuto de Autonomía e recibe, por tanto, transferencias de fondos estatais e europeos para elo. Ademais, recalcou a Xunta ingresa preto de 2.500 millóns de euros anuais por mor dos impostos especiais que gravan a enerxía (a luz e os carburantes). A recadación autonómica específica polo gasoil e a gasolina superará durante este ano os 600 millóns de euros diante da escalada nos mercados internacionais do petróleo.

A Deputación de Pontevedra, dentro das súas posibilidades económicas e a pesar de carecer de competencias neste eido, mantén dende 2016 unha liña de colaboración estable co sector do mar pola que se teñen repartido un total 1.640.000 euros para financiar gastos de investimento das 22 confrarías da provincia e mellorar así as condicións materiais nas que este importante colectivo desenvolve a súa actividade. A dotación das subvencións desta anualidade ascende a 250.000 euros.

“Hai que ser esixentes coa Xunta, que é a Administración á que lle corresponde, como competencia propia, dar cobertura ao sector do mar nunha situación difícil, e que, ademais, recadará este ano máis impostos dese gasoil á alza que está causando o problema”, insistiu Font. O deputado amosouse, ademais, moi sorprendido diante do dato, revelado pola directiva da Federación Provincial de Confrarías, de que as comunidades autónomas de Asturias e Murcia si que teñen aprobado xa plans de axudas directas mentres a Xunta segue negándose. O deputado provincial volveu expresar a perplexidade da Deputación polo feito de que a secretaria xeral técnica da Consellería de Pesca dixera nunha intervención no Parlamento Galego que un plan de axudas autonómicas aos sectores económicos de Galicia afectados pola escalada alcista dos combustibles “confrontaría coas axudas xa aprobadas polo Estado”.

Carlos Font insistiu en que o Goberno de España aprobou un plan anticrise, dotado con 430 millóns para a pesca, a agrogandería e o transporte, ademais dunha bonificación de 20 céntimos sobre os carburantes para toda a cidadanía “e houbo quen votou en contra poñéndoo en risco”. “A Xunta de Galicia non pode seguir así; debe articular un plan propio de xeito inmediato e poñer fin a este exercicio de escapismo”.

Galerias de imagenes