A Deputación recupera a atención presencial directa despois de ter superado as 160.000 citas previas durante as restricións da pandemia

Carlos Font destaca unhas “cifras impresionantes que confirman que cumprimos co difícil reto de seguir atendendo á xente durante o peor das sucesivas ondas da Covid”

22/05/2022

A Deputación recupera a atención presencial directa en tódolos seus servizos suprimindo a obriga de concertar cita previa, agás no ORAL onde continuará para manter o nivel de calidade alcanzado na atención especializada ás persoas contribuíntes. A Administración provincial, unha vez decaídas a meirande parte das restricións sanitarias decretadas polas autoridades autonómicas por mor da pandemia, contribúe tamén deste xeito á recuperación da plena normalidade na relación coa cidadanía.

Máis de 160.000 persoas foron atendidas, principalmente polo servizo do ORAL, dende que o pasado 1 de xuño de 2020, durante a última prórroga do estado de alarma, implantouse o sistema de cita previa, xunto co traballo en remoto para o persoal, no que supuxo todo un reto de organización para a Deputación. O deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos Font, considera que estamos diante de "cifras impresionantes que confirman que se alcanzou o difícil reto de seguir atendendo á xente durante o peor das sucesivas ondas da covid19".

As máis de 160.000 citas xestionadas tradúcense nunha media de máis de 7.000 citas mensuais e de máis de 330 persoas cada día , que non deixaron de facer as súas xestións diante dos diferentes servizos da Deputación gracias á implantación deste e outros mecanismos tecnolóxicos que permitiron superar a barreira das restricións á presencialidade.

As claves do éxito, estima Carlos Font, foron a calidade na atención telefónica para xestionar as citas, a simplificación do portal web da Deputación cun apartado novo para reservar, así como a creación da Oficina Virtual Tributaria (OVT) do ORAL, na que a asignación de hora e data para realizar trámites tributarios resulta moi sinxela. Precisamente, os resultados alcanzados nun servizo tan especializado como o ORAL motivan que a cita previa mantéñase, a partir de agora, como medida organizativa para outorgar preferencia, evitar as esperas e, ademais, garantir a máxima eficacia na atención personalizada nas diferentes xestións acerca das taxas e impostos municipais.

O maior número de citas previas durante os case dous anos transcorridos entre o 1 de xuño de 2020 e día de hoxe produciuse na cidade de Pontevedra, dado que entre a sede da Deputación e os servizos centrais do ORAL xestionáronse preto de 25.500 citas. A actividade tamén resultou especialmente intensa nas oficinas do ORAL en Ponteareas, O Porriño, A Estrada, Caldas de Reis, Tui e Lalín. En todas elas superáronse as 10.000 citas. Destaca tamén o volume de citas da sede administrativa en Vigo con preto de 6.500. En canto ao resto das oficinas do ORAL, Nigrán superou as 8.200 citas e a continuación situáronse as oficinas de Cangas, Sanxenxo, Cambados, Moaña e Vilanova de Arousa, todas elas con máis de 5.000. Xa con cifras menores de citas funcionaron as oficinas do Rosal, Tomiño, A Cañiza e Ponte Caldelas, aínda que por enriba aínda das 1.000. E, finalmente, as oficinas de Bueu, As Neves, Arbo, Covelo e Crecente, por esta orde.

Por outra banda, a Deputación fixo posible gracias á implantación da Administración Electrónica que os 53 concellos da provincia e as tres mancomunidades (Morrazo, Salnés e Val Miñor) adheridos ao sistema provincial de xestión dixital puidesen poñer en marcha os seus propios servizos de cita previa. A ferramenta provincial de Administración Electrónica, ademais da cita previa, fixo posible o funcionamento ordinario dos Gobernos locais cos plenos, comisións informativas, mesas de contratación e todo tipo de xuntanzas telemáticas con validez legal.

En canto ao traballo en remoto, estímanse en 6.000 as/os traballadoras/es que puideron continuar desempeñando as súas funcións durante a etapa posterior ao estado de alarma, entre elas/es unhas/uns 550 na propia Deputación Provincial, que si mantivo a presencialidade nos servicios esenciais e moi especialmente na Cidade Infantil Príncipe Felipe. Todo elo foi coordinado dende unha Comisión de Seguimento na que se foron adoptando todas e cada unha das máis de 200 medidas postas en marcha tanto para o funcionamento da propia Deputación como para manter a actividade e cooperación cos concellos.