A Deputación reivindica a Florencio Delgado como exemplo da loita polo país e a lingua e “semente de novos proxectos para facer agromar a Galiza infinda que tan ben contou”

O Pazo Provincial de Pontevedra acolleu hoxe o acto central de homenaxe das Letras Galegas 2022 achegándose á figura do autor dende a música, a banda deseñada, a investigación, a crítica literaria e a tradución

12/05/2022

florencio Delgado Gurriaran

A Deputación de Pontevedra, a través da deputada de Lingua e Memoria María Ortega, reivindicou esta tarde a Florencio Delgado Gurriarán como exemplo da loita polo país e a lingua e “semente de novos proxectos para facer agromar a Galiza infinda que tan ben contou”. Esta posta en valor do autor realizouse no acto central das Letras Galegas 2022 da institución provincial en Pontevedra, onde se abordou  a súa figura dende a música, a banda deseñada, a investigación, a crítica literaria e a tradución da man da cantautora Sheila Patricia, o ilustrador Kiko da Silva, o biógrafo Ricardo Gurriarán, o profesor Miro Villar, e a escritora e tradutora Tamara Andrés.

A homenaxe ao autor do Córgomo comezou coas palabras da deputada de Memoria e Lingua María Ortega, quen sinalou que Florencio Delgado Gurriarán representa á perfección a loita polo país que levou a cabo a súa xeración “e que nós vindicamos como legado”. Subliñou que malia a súa importancia e mesmo malia o esforzo que veñen facendo desde hai décadas persoas expertas, a súa traxectoria non é dabondo coñecida.

“Queremos tomar consciencia da importancia dun home que traballou a reo en prol da defensa da nosa lingua, a nosa cultura e os valores democráticos que encarnaba o bando perdedor da guerra civil española”, lembrou a nacionalista, engadindo que “o golpe de Estado empurrou a Florencio ao exilio, mais, lonxe de deixar atrás a Terra, levouna na maleta e seguiu traballando a reo por ela. E xunto a moita outra xente desprazada atesourou a idea de país e sementou novos proxectos para que puidese agromar algún día esa Galiza infinda que tan ben contou”.

Por todo isto, a deputada salientou a conveniencia de dedicarlle as Letras Galegas deste ano e de estudar e divulgar a súa figura. Neste sentido, explicou que a Deputación puxo en marcha varios traballos, entre eles a edición dunha banda deseñada sobre Delgado Gurriarán destinada á xente moza a cargo de ‘O Garaxe Hermético’, doutro libro de Polo Correo do Vento para as crianzas, que se une a espectáculos que irán a 35 concellos da provincia, á adquisición de libros do autor para repartir entre bibliotecas municipais e centros de ensino, así como á celebración de actos como o de hoxe “a través das verbas de Tamara, Miro e Ricardo, así como da voz de Sheila Patricia, que musicou varios dos seus poemas”, ou ao acto de Vigo do vindeiro martes 24 co espectáculo ‘A ledicia de voltar’ de Serafín Marcos.

Música e banda deseñada

Sheila Patricia foi a encargada de achegar a visión musical sobre Delgado Gurriarán. Interpretou dúas pezas musicando os poemas 'Rumba’ do libro ‘Galicia infinda’ e ‘Ventiño do Norte’ do libro ‘Bebedeira’. A cantautora amosouse moi identificada co autor do Valdeorras polo seu gusto pola música tradicional, que permitiu adaptar de maneira máis sinxela os seus textos aos ritmos galegos. “Ademais, como filla de emigrante teño moito en común con el –destacou- porque el marchou a México, tamén porque é unha figura antifascista... e aí hai total identificación”, subliñou.

Kiko da Silva foi o responsable de poñer en valor o traballo da banda deseñada elaborada por encarga da Deputación dende O Garaxe Hermético. Destacou que o equipo que participou na súa confección realizou un inxente traballo de documentación que deu lugar a unha peza de grande calidade a pesares do escaso tempo que houbo para elaborala.

A BD, que se repartiu de balde entre as persoas asistentes, foi realizada de maneira coral por alumnado e persoal da escola ‘O Garaxe Hermético’. Foi coordinada por Kiko Dasilva, con Fernando Llor no guión, Fernando Iglesias na rotulación de textos, e Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias, Damián Gómez, Eli García, Jorge Fernández, Chano Ripio, Iria Aldegunde, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Fonso Barreiro e Mara Méndez nas ilustracións.

Da Silva explicou que a historia da publicación é a de tres mozas de secundaria que senten atafegadas polo traballo que teñen que facer sobre Florencio Delgado Gurriarán para o Día dás Letras Galegas e grazas a cambiar o enfoque co que arrincaban descubrirán a historia dun poeta e un loitador antifascista comprometido coa República e co galeguismo.

Gurriarán: “Intensidade para que perdure a lingua, a cultura e a política do PG”

A parte máis intelectual da xornada agromou na mesa redonda conducida pola xornalista Susana Moril, coa presencia do biógrafo de Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán, do escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar, e da escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés.

Cun relatorio titulado ‘Marchei sen calar, dándolle sebo as canelas’ Ricardo Gurriarán fixo unha descrición biográfica dende o nacemento do autor ata a partida ao exilio e a súa contribución á coordinación da evacuación en colaboración das sociedades de emigrantes en América, o seu asentamento, e o seu itinerario de activismo. Destacou que unha das características da figura é a intensidade ao levar adiante unha iniciativa para que perdure no exilio tanto a lingua como a cultura como a política do Partido Galeguista. Tamén abordou as tres chegadas a Valdeorras no 68, 76 e 81, unha de despedida dos seus maiores, outra de activación do galeguismo en Galiza, e outra a do seu recoñecemento.

“A súa creación poética ten diferentes facianas”, explicou Gurriarán, desde a identidade, cultura e lingua a principios dos anos 30, Valdeorras, ao agradecemento á xenerosidade do presidente Lázaro Cárdenas acubillando ás persoas exiliadas, o único que respaldou a responsabilidade e a acreditación da República como representación española no exilio. Por último falou das súas últimas colaboración de Isaac Díaz Pardo para promover os seus poemas de loita.

Miro Villar: ‘Galicia infinda’ como libro redondo, plural e elaborado

O profesor Miro Villar fixo un percorrido polos catro libros individuais e os dous colectivos de Florencio Delgado, abordando todo o relacionado coa súa creación poética e os contidos de cada un dos títulos. Villar destacou o libro de preguerra ‘Bebedeira’ que se enmarca dentro da corrente denominada hilozoísmo na escola de Amado Carballo, logo os seus poemas de loito e antifranquistas, sobre todo do libro ‘Galicia infinda’ (1963). Subliñou que a súa obra máis importante é esta última porque atópanse temas xa tratados anteriormente, pero tamén outros como a viticultura, a paisaxe valdeorresa, a lingua, e como valor engadido ten os poemas mexicanos. “Considero que é o seu libro máis redondo, máis plural na súa temática, máis elaborado...”, dixo.

No ámbito da Memoria Histórica, Villar lembrou que o libro no que a aborda de maneira máis central é o último ‘O soño do guieiro’ (1986), onde rende homenaxe a persoeiros, moitos deles vencellados coa cidade de Pontevedra como Castelao ou Alexandre Bóveda, pero tamén a galeguistas de Valdeorras que foran represaliados. “O guieiro é Castelao e xa aparece no primeiro poema do libro”, apuntou.

Tamara Andrés: Unha ollada diferente ao autor dende a tradución

A investigadora Tamara Andrés achegou unha ollada moi diferente sobre o homenaxeado. Explicou que ao ser doutoranda na Universidade de Vigo no ámbito da Tradución dedícase a estudar persoas que cultivaron tanto a poesía como a tradución. “Normalmente investigo sobre mulleres, pero este ano prestábase moito a estudar a Delgado Gurriarán, polo seu diálogo entre a tradución e a poesía”, apuntou.

Reflexionou sobre como Florencio Delgado concibía a tradución como unha labor creativa e unha escola de lingua e lembrou como nun dos cadernos valdeorreses aseguraba que “era un exercicio de estilo para ‘aquecentar’ a súa lingua galega”.  Tamén abordou en exemplos como o paso por Francia tamén tivo influencia na súa creación poética e a nivel vital, non só sendo México un país que lle marcou.

Tamara Andrés subliñou que na morte de Castelao Delgado Gurriarán traduciu a Walt Whitman como un canto ao autor de Rianxo. “É un poema que se titula ‘Ouh Capitán! Meu Capitán!’. E iso xa o quere dicir todo. Castelao para el era un capitán que acababa de perder el e toda a tripulación dese barco da cultura galega”, afirmou a escritora, asegurando que sempre hai moita simboloxía nos seus textos e traducións. “Non o fai –escoller un texto- só por gusto persoal, sempre hai unha mensaxe que nos quere lanzar. É moi interesante velo dende esta óptica”, finalizou.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

videos

Noticias relacionadas

 
		A Deputación reivindica en Vigo a Florencio Delgado como exemplo da loita polo país e o galego e “semente de novos proxectos para facer agromar unha Galiza infinda”

A Deputación reivindica en Vigo a Florencio Delgado como exemplo da loita polo país e o galego e “semente de novos proxectos para facer agromar unha Galiza infinda”

A sede de Vigo acolleu o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’ organizado polos departamentos de Lingua e Memoria

 
		A Deputación leva a Poio, a Lama, Ponte Caldelas e Campo Lameiro o espectáculo ‘De Valdeorras a México. Terra A Nosa’ sobre Florencio Delgado ao abeiro das Letras Galegas

A Deputación leva a Poio, a Lama, Ponte Caldelas e Campo Lameiro o espectáculo ‘De Valdeorras a México. Terra A Nosa’ sobre Florencio Delgado ao abeiro das Letras Galegas

Os departamentos de Lingua e Memoria programan 35 pases da actividade en toda a provincia, comezando este venres en Poio ás 17h no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó 

 
		A Deputación presenta este xoves unha banda deseñada para “descubrir e apaixonarse” coa biografía de Delgado Gurriarán

A Deputación presenta este xoves unha banda deseñada para “descubrir e apaixonarse” coa biografía de Delgado Gurriarán

A publicación, realizada de maneira coral por alumnado e persoal de ‘O Garaxe Hermético’, entregarase de balde no acto central das Letras Galegas que se celebrará este xoves 12 ás 19 horas no Pazo Provincial

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.