A Deputación tínguese de verde con motivo do Día Mundial da ELA

A institución súmase á campaña #LuzporlaELA para dar visibilidade á enfermidade

20/06/2022

A Deputación de Pontevedra iluminará de cor verde o seu Pazo Provincial este martes 21 de xuño en diversas franxas horarias, dende as 00.01h ata as 07.00 da mañá e pola noite de dende as 22.30h ata as 07.00h da mañá do día seguinte, con motivo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

Deste xeito, a institución provincial súmase a iniciativa #LuzporlaELA que levan a cabo AGAELA, Asociación Galega de Afectados de ELA, e a Comunidade Nacional da ELA para dar visibilización a esta doenza dexenerativa que afecta actualmente a 4.000 persoas en España. O principal obxectivo desta acción é, dende hai uns anos, chegar a máis persoas para que aquelas que aínda non coñecen a enfermidade podan facelo. No ano 2021, 250 concellos de todo o territorio nacional alumearon máis de 400 monumentos, cifra que este ano quérese superar.

A Esclerose Lateral Amiotrófica é unha enfermidade neuromuscular dexenerativa na que as células que controlan o movemento da musculatura voluntaria diminúen o seu funcionamento gradualmente e morren, provocando unha paralización progresiva da persoa afectada nun corto espazo de tempo, impedíndolle sorrir, falar, comer, moverse ou respirar por si soa. A esperanza media de vida dos pacientes non soe superar os cinco anos. Actualmente non existe ningún tratamento contra a ELA, aínda que si fármacos e terapias que axudan a combater algún dos seus síntomas como as alteracións respiratorias, as alteracións do sono ou as cambras que produce.