A mellora da praza da Feira e a rúa Ulla en A Estrada permitirán gañar máis de 2.800 m2 de espazo público para as persoas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez visitou as obras subvencionadas pola Deputación e asegurou que o concello “é un referente” dentro da Rede Ágora pola súa filosofía de priorizar as persoas fronte aos coches

24/03/2022

Ágora A Estrada

A mellora da praza da Feira e a Rúa Ulla e a súa contorna, unhas obras subvencionadas polo plan Ágora da Deputación, permitirán gañar máis de 2.800 metros cadrados de espazo público para as persoas no centro de A Estrada. Así o manifestou hoxe na súa visita á vila o deputado provincial de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, quen subliñou que o concello estradense “é un referente” dentro da Rede Ágora de Concellos Polo Espazo Público por como está a aplicar a filosofía de priorizar ás persoas na súa reforma urbana, unha aposta que “encaixa perfectamente” co modelo que defende a Deputación.

Benítez percorreu a vila da man do alcalde José Carlos López Campos, quen explicou ao nacionalista todo o  traballo realizado durante os últimos anos con respecto  á recuperación  do  espazo público no centro urbano,  así como  proxectos futuros a prol de gañarlle aos coches aínda máis espazo para aumentar a calidade de vida da cidadanía.

O punto central da visita  foi a obra que está a executar o Concello na Praza da Feira e a súa contorna, obra para a que se lle outorgou dende o departamento de Mobilidade da Deputación unha subvención do plan Ágora que ascende a 100.000 euros, a máxima axuda posible na convocatoria provincial. A actuación foi a que maior valoración e puntuación recibiu de todos os proxectos presentados polos municipios de toda a provincia.

O proxecto define unha humanización encamiñada a incrementar o espazo  peonil no ámbito da Praza da Feira e a súa contorna  xunto coa Rúa Ulla, unha zona que ata o de agora estaba destinada  á circulación e aparcamento de vehículos e que, coa execución das obras, pretender gañar a totalidade do espazo para as e os peóns, permitindo o paso de tráfico  restrinxido a residentes, servizos e vehículos de emerxencia.  Coa actuación, que ten un orzamento total de 824.518,73 € e está a ser executada pola empresa COVSA, o espazo gañado para os  peóns  incrementarase en 2.800,67 m².

A intención, a pesares de que están a producirse problemas de subministro de materiais, é que o novo espazo recuperado poida estar dispoñible para a cidadanía de cara ao verán, para a celebración das festas.

Referente

No propio lugar das obras, o deputado de Mobilidade, impulsor da Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público da Deputación -que agrupa concellos da provincia interesados na transformación de espazos urbanos-, manifestou a súa satisfacción polo traballo global que está a facer o Concello de A Estrada na recuperación de espazos para as persoas.

O nacionalista destacou que a vila de A Estrada é importante por número de habitantes “e ver como as distintas actuacións encaixan perfectamente na liña que nós cremos que hai que actuar enche de satisfacción”, asegurou. “Podo dicir que dos 53 concellos da Rede Ágora, despois de visitalo e conversar co alcalde, A Estrada é un dos concellos referente”, salientou, ao tempo en que ofertou toda a axuda da Deputación para seguir avanzando na mesma liña.

Con respecto ás obras da Praza da Feira, destacou que suporán unha transformación de case 3.000 metros cadrados e destacou que en A Estrada pódese dar unha cifra moi boa e significativa de recuperar espazo público neste mandato, un dos obxectivos concretos da Rede Ágora. “Me encanta que las cosas salgan bien”, afirmou chanceando ao utilizar unha frase da mítica serie ‘El Equipo A’.

Pola súa banda, o alcalde José Carlos López Campos agradeceu a visita do deputado nacionalista e o respaldo da Deputación. Lembrou que A Estrada está dentro da Rede Ágora, por ser un proxecto “interesante” que apoia aos concellos “nunha transformación urbana necesaria” tanto pola necesidade da poboación de dispoñer de espazos públicos de calidade “como porque é preciso aliñarse coas políticas europeas, que inxectarán fondos para rexeneración urbana e mobilidade sustentable”.

López Campos destacou que A Estrada está inmersa en moitos proxectos de transformación urbana nos que a Rede Ágora “ten un papel capital porque axudou a analizar a situación dos cambios en marcha de 2013”: aparcamentos disuasorios con 1.000 prazas públicas gratuítas para compensar a perda de prazas no centro urbano, a planificación do Plan Xeral, así como unha EDUSI financiada con fondos europeos que permite elaborar o PMUS e o Plan de accesibilidade universal.

“A Deputación e o Concello estamos a traballar na mesma sintonía e as cousas estanse a facer ben”, dixo, para engadir que a recuperación da Praza da Feira e a Rúa Ulla subvencionadas por Ágora vai ser “un proxecto dos que seguro vai ter maior impacto neste mandato”. “Son actuacións que aínda que supoñen unha certa crítica momentánea ao final o resultado é moi favorable e moi produtivo para a cidadanía e para os pobos, que medran con orde e xerando contornas amables nas que a xente se sinte orgullosa. Estamos xerando vilas con maior valor urbanístico que poden tamén compensar a perda poboacional”, finalizou.

Galerias de imaxes