A Deputación destina 900.000 € ao impulso da agrocompostaxe en empresas da provincia

A Xunta de Goberno acaba de aprobar axudas con destino a dúas bodegas da provincia para realizar a compostaxe dos seus biorresiduos

03/11/2023

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a mobilización de preto de 900.000 euros en axudas destinadas a impulsar a agrocompostaxe en empresas, no marco do compromiso da institución provincial co medio e coa sostibilidade.

Como destacou o presidente provincial, Luis López, esta liña de axudas, dotada inicialmente dun orzamento de 1,5 millóns de euros, púxose á disposición de entidades, firmas, cooperativas e persoal autónomo da provincia para axudalas na adaptación das súas instalacións a fin de realizar a compostaxe dos seus biorresiduos, “en concordancia, ademais, coa fracción orgánica dos residuos municipais da súa contorna”. “É dicir —engadiu— aproveitar os biorresiduos da súa actividade agrogandeira e combinalos cos de orixe doméstica procedentes dos composteiros municipais para fertilizar os seus solos”.

A liña de axudas estaba aberta a financiar tanto a obra como a compra da maquinaria para levar a cabo o proceso. Inicialmente, tal e como explicou López, seis empresas concorreron a esta convocatoria, das que dúas propostas cumpriron os requisitos. Trátase das firmas Bodegas Martín Códax, S. A., que recibirá unha achega de 600.000 euros e Viñas e Terras do Pazo, S. L., que contará cunha axuda de 257.015 euros.

No caso de Bodegas Martín Códax, a subvención permitiralle á empresa construír as instalacións nas que compostarán residuos propios. Estes equipamentos situaranse en San Salvador (Meis) e terán a capacidade para compostar 3.357 toneladas de residuos ao ano. Por outra banda, Viñas e Terras do Pazo, S. L., poderá, na súa instalación de compostaxe de Tomiño, xestionar residuos propios procedentes da poda dos viñedos, restos orgánicos procedentes do comedor e biorresiduos de orixe doméstica procedentes da recollida municipal. Neste caso, a capacidade de compostaxe calcúlase en 354 toneladas de residuos ao ano.

videos

audios