A Deputación aproba achegas por un total de 210.000 euros para os concellos de Mondariz e As Neves

As axudas, como destacou o presidente provincial, Luis López, permitirán a ambos os municipios abordar a reparación de infraestruturas “para garantir a seguridade viaria e das persoas nestas dotacións, así como tamén a prestación de servizos básicos”

29/09/2023

Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres novos recursos para os concellos da provincia por un importe de 210.000 euros que beneficiarán, en concreto, os municipios de Mondariz e As Neves. Como subliñou hoxe o presidente provincial, Luis López, estas achegas están destinadas á reparación de infraestruturas municipais para “garantir a seguridade viaria e das persoas nestas dotacións públicas, así como tamén a prestación de servizos básicos” nestes concellos.

Da citada cantidade, un total de 120.000 euros permitiranlle ao Concello das Neves realizar obras de reparación en varios tramos de estradas municipais, concretamente os situados nas parroquias de Santa Eulalia de Batalláns e Taboexa.

Os restantes, preto de 90.000 euros, corresponden á achega aprobada para Mondariz, que os destinará á reparación das sendas fluviais dos ríos Tea e Aboal; ás obras para levantar muros de contención en diversos tramos de estradas municipais; á reparación de servizos básicos no núcleo rural das Vendas; e á financiación da reparación dun pozo de saneamento no Couto e dun muro en Cabada Nova.

videos

audios