A Deputación contratará asesorías técnicas por valor de 1,3 millóns de euros para optar a proxectos europeos de medio natural e novas tecnoloxías

O acordo marco terá unha vixencia de catro anos e un orzamento de 983.421 euros para os proxectos de medio natural e de 351.085 euros para os de novas tecnoloxías

24/04/2023

A Deputación vén de abrir o prazo para presentar ofertas para o acordo marco para a contratación de asistencias técnicas, por valor de 1,3 millóns de euros, para realizar os traballos de consultoría e asistencia técnica necesarios para presentar candidaturas a proxectos europeos e o seu seguimento en materia de medio natural, cambio climático, eficiencia enerxética e de enerxías renovables, así como de proxectos de novas tecnoloxías, incluídos os procedentes do Plan de Recuperación e doutros programas, como o  Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 entre outros. O acordo marco terá unha vixencia de catro anos e un orzamento de 983.421 euros para os proxectos de medio natural e de 351.085 euros para os de novas tecnoloxías. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o vindeiro 12 de maio e poden concorrer diferentes consultoras externas que ofrezan unha alta especialización, con persoas profesionais adecuadamente cualificadas e experimentadas para que elaboren e redacten a documentación técnica necesaria para definir as diferentes actuacións.

Os proxectos de medio natural, cambio climático, eficiencia enerxética e enerxías renovables engloban actuacións cuxo obxecto principal sexan accións de tipo forestal, agrícola, mineiro, agropecuario, xeolóxico ou propias da xestión e mellora medioambiental, a loita contra o cambio climático, a restauración e xestión de ecosistemas, a conservación do medio, a protección da biodiversidade, a enerxía en xeral e a eficiencia enerxética e as enerxías renovables en particular, incluíndo todos os traballos que formen parte das mesmas. No caso dos proxectos de novas tecnoloxías inclúen iniciativas de índole tecnolóxica e actuacións cuxo obxecto sexan as accións relacionadas co desenvolvemento de aplicacións informáticas, a dixitalización, a telecomunicación, a intelixencia artificial, a ciberseguridade e resto de disciplinas análogas ou de tipo industrial, eléctrico, mecánico, incluíndo todos os traballos que formen parte das mesmas.

Debido á complexidade e amplo espectro de materias que poden abranguer os proxectos europeos, a Deputación puxo en marcha este acordo marco o pasado ano, dividindo a convocatoria en cinco lotes diferentes, segundo as actuacións correspondentes. Os tres primeiros (enxeñería civil e arquitectura; proxectos sociais, benestar e saúde, e emprego) foron adxudicados por preto de 1,5 millóns de euros o pasado mes de outubro e agora búscase contratar os relacionados con proxectos de medio natural e de novas tecnoloxías. Ao seu abeiro poderán tramitarse as axudas e subvencións con convocatoria vixente na actualidade ou as que se oferten durante o período de vixencia do contrato, promovidos por calquera servizo da Deputación. En concreto, o acordo marco inclúe a elaboración e redacción da documentación técnica necesaria para definir as actuacións, isto é, anteproxectos, memorias e orzamentos, proxectos básicos ou proxectos construtivos, entre outros aspectos.