O programa provincial Musigal chega este sábado a Gondomar, Salceda de Caselas e Tomiño

A cantante Sés, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Xosé Luis Romero & Aliboria protagonizarán os concertos

14/07/2023

O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua, chega este sábado 15 de xullo aos concellos de Gondomar, Salceda de Caselas e Tomiño. Alí celebraranse, respectivamente, os concertos de Sés, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Xosé Luis Romero & Aliboria.

Sés, considerada como unha das principais referentes da escena musical galega, actuará ás 22:30 horas na praza Paradela de Gondomar. A cantautora centra o seu espectáculo no seu oitavo traballo discográfico, Diante un eco, cuxo título fai referencia á concepción cíclica da historia e supón unha volta aos seus inicios, pero desde o oficio e a madurez, e sobre todo unha sólida reafirmación na estética popular. Cun contundente directo, a música de Sés viaxa entre ritmos americanos do norte e do sur, repensados en galego e en feminino. Licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, medrou musicalmente no folclore tradicional galego e no seu estilo mestura ingredientes que conseguen un resultado orixinal e xenuíno: rock’n’roll, tradición galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana.

Pola súa banda,  Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre ofrecerán a súa actuación ás 23.00 horas na praza do Concello de Salceda de Caselas. O seu espectáculo céntrase no seu terceiro álbum conxunto, As Catedrais Silenciadas, que culmina un proceso que comezou no ano 2015 no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas. As  composicións de Díaz, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural, e dándolles o seu toque particular. O citado traballo actualiza diferentes tipos de formas musicais, como pasodobres, xotas, alalás, ribeiranas ou muiñeiras, e foi galardoado co Premio Martín Codax na categoría de Música Tradicional no 2020. Díaz atesoura unha traxectoria de case 40 anos, sempre coa música pop(ular) no horizonte, amais dunha incesante actividade docente, en asociacións e certames. Formou parte de Berrogüetto entre 2008 e 2014 e, paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCantos.

E en Tomiño actuarán Xosé Lois Romero & Aliboria na praza do Seixo ás 22.30 horas coa posta en escena do seu proxecto de vangarda e respecto pola tradición. Trátase dun espectáculo baseado única e exclusivamente en voces e percusións tradicionais, con dez músicos sobre o escenario que recuperan elementos tradicionais que se empregaban en Galicia a principios e mediados do século XX (instrumentos para labrar o campo, utensilios de cociña, latas de pemento) xunto a outros instrumentos clásicos da música tradicional galega. Acompáñalles un coro de seis cantareiras que conectan a tradición coa música tribal de África ou a América Latina. A agrupación leva nos escenarios dende hai máis de 5 anos, teñen tocado xa en grandes festivais como Ortigueira ou o Intercéltico do Morrazo e os seus membros comparten xiras con distintas bandas como Baiuca ou Vetusta Morla.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.