Carmela Silva subliña a “extraordinaria” noticia para Vigo da recuperación do proxecto da subestación de alta tensión de Balaídos

Carmela Silva: “Síntome moi feliz de que a vicepresidenta Teresa Ribera teña avanzado que se vai poder investir na alta tensión eléctrica para Vigo. Era unha demanda reiterada da cidade, fundamental para garantir o futuro de Stellantis na provincia, con todo o que isto supón”

24/01/2023

Como “extraordinaria” cualificou a presidenta da Deputación a noticia da recuperación do proxecto da subestación de alta tensión de Balaídos que vén de anunciar a vicepresidenta terceira do Goberno de España, Teresa Ribera. “Síntome moi feliz porque era unha demanda reiterada da cidade, clave para a factoría Stellantis, con todo o que isto supón para a creación de actividade económica e xeración de emprego”, manifestou a presidenta, quen ademais subliñou o feito de que por vez primeira o Goberno relaciona o proxecto de alta tensión de Stellantis co PERTE do automóbil.

“Este anuncio é un logro para Vigo. Non podemos esquecer que Stellantis é unha das empresas con maior capacidade de creación de emprego, que impulsou o desenvolvemento dunha potente industria auxiliar espallada por toda a xeografía pontevedresa. Garantir o futuro da factoría é garantir o futuro de toda esta industria que tanto aporta á economía”, remarcou a presidenta quen aproveitou para facerlle un recoñecemento á vicepresidenta do Goberno, “que, con novas como esta, está a posibilitar que Vigo e toda a provincia avancen e consigan todo o preciso para garantir o seu futuro”.

O anuncio da vicepresidenta do Goberno adianta, ademais, que o investimento na subestación de Balaídos virá da man de financiamento europeo. Concretamente está previsto que os recursos proveñan do Plan REPowerEU da Comisión Europea, dirixido a rachar coa dependencia europea dos combustibles fósiles de Rusia.