A Deputación abre o prazo de solicitude para participar no programa “Depo en marcha”

Está dirixido a entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia e oferta 130 obradoiros para favorecer o envellecemento activo

14/02/2023

A Deputación de Pontevedra abre este martes, 14 de febreiro, o prazo de presentación de solicitudes para participar en “Depo en marcha”. O programa, dirixido a entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia, oferta un total de 130 obradoiros para favorecer o envellecemento activo que se distribúen entre as temáticas “Aprendendo da Natureza”, “Móvete”, “Activando Corpo e Mente”, “Enredando”, “Dálle Marcha” e “En Rede”. As solicitudes poderanse presentar ata o 14 de marzo a través da sede electrónica da Deputación e cada entidade poderá solicitar un obradoiro.

Depo en marcha”, que este ano conta cun orzamento de 146.000 €, ten por obxectivos fomentar a participación das persoas maiores en actividades de formación non regrada que promoven a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias, así como impulsan a súa independencia e evitan o illamento e as situacións de soidade non desexadas. Oferta 130 obradoiros, cun número máximo de 25 persoas participantes e 30 horas de duración por cada un deles, centrados en actividades de recolección e recoñecemento de plantas medicinais, ata en disciplinas deportivas como pilates, ioga ou ximnasia de mantemento; obradoiros de conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia e terapia emocional; teatro ou restauración de mobles e tapicería; bailes de salón, pandeireta e canto popular ou en habilidades dixitais para uso cotiá e informática avanzada.

Depo en marcha” trátase dun dos programas sociais de maior arraigo da Deputación, cunha participación de preto de 14.500 persoas nos últimos 7 anos. O pasado ano, o obradoiro sobre habilidades dixitais para o uso cotiá, con 23 cursos desenvolvidos para abordar a fenda dixital nas persoas maiores, especialmente mulleres, foi un dos máis demandados, seguido dos centrados na conservación da memoria, pilates, risoterapia e restauración de mobles e tapicería.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.