Comezan os obradoiros do programa “Depo en marcha” para impulsar o envellecemento activo na provincia

A Asociación de Mulleres Rurais A Pícara da Lama benefíciase da primeira actividade do programa da Deputación, que consistirá nun obradoiro sobre “Conservación da memoria”

01/06/2023

A Deputación de Pontevedra inicia este venres, 2 de xuño, os obradoiros do programa “Depo en marcha”, co que a institución impulsa o envellecemento activo das persoas maiores da provincia. A Asociación de Mulleres Rurais A Pícara, da Lama, benefíciase da primeira actividade que consistirá no obradoiro “Conservación da memoria” e se estenderá ata o 8 de setembro. A través desta acción formativa, as persoas participantes coñecerán o funcionamento da mente na memorización, adquirirán técnicas básicas para adestrarse no desenvolvemento da memoria e, ademais, reflexionarán sobre a relación entre o mantemento dunha dieta equilibrada e ter unha boa memoria.

As Mulleres Rurais A Pícara son, deste xeito, a primeira das 130 entidades que van gozar este ano de “Depo en Marcha”, programa co que a Deputación favorece a participación e a cooperación social, así como promover espazos de encontro e de intercambio de experiencias entre persoas maiores para fomentar a súa independencia, á vez que evitar o illamento e as situacións de soidade.

En total, a Deputación ofertou no 2023 15 obradoiros no catálogo de “Depo en Marcha” divididos en cinco bloques temáticos: Aprendendo da Natureza (Plantas Medicinais), Móvete (Pilates, Ioga e Ximnasia de Mantemento para Persoas Maiores), Activando Corpo e Mente (Conservando a Memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia Emocional: Positividade e Canalización das Emocións), Enredando (Teatro e Restauración de Mobles e Tapicería), Dálle Marcha (Bailes de Salón e Pandeireta e Canto Popular) e En Rede (Habilidades Dixitais para Uso Cotián e Informática. Nivel Avanzado). Este ano, “Depo en Marcha” conta cun orzamento de 146.000 euros e está previsto que o programa chegue a máis de 3.000 persoas (25 por acción).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.