Luis López destaca o apoio aos 61 concellos da provincia como denominador común da Deputación e da UNED en Pontevedra na inauguración do novo curso

O mandatario provincial, que exerce tamén o cargo de presidente do Consorcio Universitario do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, destaca o apoio da Deputación ás iniciativas que sirvan para mellorar a educación e o benestar da veciñanza  

20/10/2023

UNED PONTEVEDRA INAUGURACIÓN NOVO CURSO

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a excelencia educativa que leva ofrecendo o Centro Asociado da UNED en Pontevedra durante medio século na provincia, así como a rede de aulas que ten repartidas por todo o territorio para levar unha formación de calidade a todas as comarcas. Unha atención aos 61 concellos da provincia que ten un denominador común coa Deputación, segundo destacou o mandatario provincial, que exerce tamén o cargo de presidente do Consorcio Universitario que rexe este centro e foi un dos encargados de pronunciar un discurso no acto oficial de inauguración do curso académico 2023/2024, que tivo lugar este venres na sede da UNED en Monte Porreiro, en Pontevedra.

“Na sede da UNED en Pontevedra impártense titulacións moi demandadas polo estudantado, pero tamén polo mercado laboral. A UNED ensinounos que para aprender non hai distancias”, afirmou o dirixente, quen tamén destacou a calidade das instalacións deste centro e a variada oferta educativa, composta por 30 grados universitarios, 80 másteres e preto de 30.000 cursos de extensión universitaria. “Este centro vive instalado na excelencia educativa”, asegurou López.

Ademais, Luis López quixo destacar a presenza da UNED en case todas as comarcas da provincia. “A atención igualitaria aos 61 concellos da provincia é unha máxima para esta Deputación e alégrame saber que é unha filosofía compartida tamén pola dirección da UNED”, dixo sobre a rede de aulas que este organismo ten abertas en Vigo, Portas, Lalín, O Porriño e Tui; unhas aulas que “levan a oferta formativa a todos os recunchos do noso territorio”, agradeceu.

Nun acto no que compartiu escenario co reitor da UNED, Ricardo Mairal, co director do centro de Pontevedra, Víctor González, co doutor Mariano Barbacid e con outros representantes do tecido institucional e empresarial da provincia, Luis López felicitou a UNED e os seus responsables por cumprir este ano 2023 de cincuenta anos de actividade na provincia.

“Coa excelencia no servizo á sociedade da nosa provincia o medio século de historia que estamos a celebrar, este ano ten o futuro garantido”, augurou o mandatario provincial, quen mantén tendida a man da Deputación para colaborar coa UNED. “Tede por seguro que a Deputación  vai estar ao voso carón, ao carón das e dos estudantes e ao carón de todo o conxunto da cidadanía da provincia traballando polo seu benestar”, rematou Luis López.

Galerias de imaxes