Areeiro aconsella a vixilancia das viñas polas condicións climatolóxicas que poden favorecer o mildio nas plantas máis desenvolvidas

A Estación Fitopatolóxica lembra tamén que aínda non é necesario aplicar tratamentos para a bolboreta do buxo

08/04/2022

Gromos nas viñas

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que mantén as súas recomendacións para a vixilancia das viñas ante as condicións climatolóxicas previstas, que poden favorecer a aparición do mildio nas plantas máis desenvolvidas.

En concreto, Areeiro sinala que aínda que as baixas temperaturas rexistradas durante os últimos días non propiciaron o crecemento dos gromos, as previsións de choiva para a vindeira semana, unidas ás de temperaturas diúrnas e nocturnas suaves, favorecerán non só o desenvolvemento destes gromos senón tamén, con toda probabilidade, a presenza de máis esporanxios no aire dos atopados ata agora. Neste senso, a EFA apunta que amais de vixiar a viña, convén revisar a maquinaria de tratamentos e ir adquirindo os produtos que se vaian dar na primeira aplicación.

Sinala tamén que as baixas temperaturas dos pasados días queimaron os gromos nalgunhas viñas, polo que Areeiro recomenda ás persoas viticultoras que estean pendentes da evolución das plantas nos próximos días ante a posible aparición de síntomas de botrite nos restos secos.

Por outra banda, a EFA tamén se refire no seu aviso á bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis). Neste caso, as temperaturas baixas non foron favorables ao avance dos síntomas das eirugas desta especie e de momento non son necesarios os tratamentos.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.