O CPI de Mosteiro-Meis acolle mañá martes a proxección do documental sobre Domingo Fontán impulsada pola Deputación

A rapazada de 3º e 4º asistirán tamén a unha charla coloquio no que coñecerán a “un dos científicos máis relevantes da historia de Galicia”

10/04/2023

Proxección do documental sobre Domingo Fontán

O CPI Mosteiro-Meis acollerá mañá unha nova xornada da proxección do documental ‘Fontán, o primeiro rostro de Galicia’ sobre o matemático e xeógrafo Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866) e a primeira carta xeográfica galega feita por el. Trátase dunha actividade impulsada polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra –dirixido pola deputada María Ortega-, que pretende achegar aos centros educativos un dos científicos máis relevantes da historia de Galicia

A peza audiovisual convida a facer un percorrido pola historia e a orografía galega, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía, o que a converte nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar.

A proxección estará acompañada unha introdución e un coloquio posterior, a cargo de parte do equipo realizador (Kaito Estudios). Desta maneira o alumnado, que en Meis estará formado por dúas clases (3º e 4º), coñecerá a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, un dos máis grandes homes que deu Galicia, e reflexionará sobre a importancia do seu Mapa Cartógráfico de Galicia, o primeiro de España realizado con metodoloxía científica e coa tecnoloxía do século XIX, durante 17 anos da súa vida. Coñecerán tamén instrumental para medir distancias e ángulos, similar ó de Fontán co fin de comparalo co que existe na actualidade.

Ademais de a Meis, o ciclo de proxeccións chegará tamén ao IES de Mos, ao IES de Chapela (Redondela), o CPI Domingo Fontán  (Portas), aos IES de Ponteareas, o CPI Manuel Suárez (O Rosal), o CPI Santa Lucía (Caldas de Reis), o IES Pintos Colmeiro (A Estrada), o IES de Pontecaldelas e o IES Poio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.