A Estación Fitopatolóxica Areeiro anuncia a posible aparición dos primeiros síntomas de mildio

A EFA vén de lanzar un aviso fitosanitario no que tamén fala do crecemento dos gromos nas viñas e da eventual aparición de danos da bolboreta do buxo

13/04/2022

Aviso Areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que pon o foco no crecemento dos gromos nas viñas así como na posible aparición dos primeiros síntomas de mildio, debido ao tempo húmido destes días. O aviso da EFA tamén fai relación á actividade da bolboreta do buxo, que se verá favorecida polas temperaturas que se prevén nas seguintes xornadas.

A EFA asegura que a situación meteorolóxica dos últimos días provocou o crecemento dos gromos en moitas viñas. Porén, este aumento non é igual en todos os predios xa que nas viñas revisadas puideron observarse distintas casuísticas: preto do 75% das viñas atopábanse aínda estendendo as follas, o 20% con gromos de menos de cinco centímetros e o 5% restante - que corresponde ás viñas máis abrigadas e protexidas do vento- con brotes terminais de dez ou máis centímetros.

Polo tanto, dende a Estación recomendan incrementar a vixilancia sobre o mildio. Neste senso, en caso de cumprirse previsións de bo tempo de cara os próximos días podería esperarse que aparecera a primeira mancha nalgunha das viñas que teñen os brotes xa crecidos. Por este motivo, de non facer seguimentos na viña a EFA avisa de que nestes días pode ser convinte aplicar o primeiro tratamento nos predios máis desenvolvidos mentres que no resto aínda pode esperar. Ademais, dende a Estación tamén avisan da aparición de caracois en varias viñas, tanto na madeira como alimentándose das follas en desenvolvemento.

O aviso da EFA tamén fai relación á bolboreta do buxo. Neste senso, a mellora das condicións climáticas que se prevén para os próximos días favorecerán que as eirugas que se atopan nos buxos retomen unha actividade máis intensa e que, polo tanto, poidan aparecer danos.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.