Éxito rotundo da presenza da Deputación na Feira Internacional De Turismo Do Interior Intur de Valladolid

A provincia posicionouse como un destino con opcións singulares de excelencia vinculadas ao turismo interior e familiar. Espertou moito interese a ruta das camelias, as experiencias relacionadas coa cultura, os camiños, a programación de Nadal, a enogastronomía e as festas

22/11/2022

A Deputación de Pontevedra vén de pechar a súa participación na Feira Internacional de Turismo do Interior, Intur, celebrada en Valladolid cun “exitoso” balance. No evento, no que a provincia posicionouse como un destino con opcións singulares de excelencia vinculadas ao turismo interior e familiar e ata o que se desprazou a deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, numerosos grupos amosaron interese en elementos como a ruta das camelias, as experiencias relacionadas coa cultura, os camiños, a programación de Nadal, a enogastronomía e as festas. Coa participación en INTUR, sumada á presenza en FITUR (Madrid), Expovacaciones (Bilbao) e aos workshops celebrados en outubro en Bilbao e Sevilla, a institución provincial pecha a comercialización turística das Rías Baixas do ano 2022.

Ata o stand da Deputación en INTUR achegouse numeroso público interesado, fundamentalmente, na ruta das camelias e no cultivo destes exemplares na provincia. Manifestaron, durante a súa visita, a “súa curiosidade por este produto singular” e amosaron o seu desexo por descubrilo ben na ponte de decembro, ben en Semana Santa. Amais de na camelia, detectouse unha elevada demanda de información sobre os viños da DO Rías Baixas , o Castelo de Soutomaior e o patrimonio inmaterial da provincia. As familias preguntaron por propostas de escapadas cara a vindeira ponte, o Nadal e a Semana Santa do 2023, tamén centrando as súas demandas en experiencias ligadas coa cultura. Xa cara o verán, as persoas que visitaron o stand da institución provincial en INTUR amosaron o seu interese no Camiño Portugués,  no Camiño Portugués pola Costa, así como en experiencias relacionadas coas festas e a enogastronomía.

O stand da Deputación de Pontevedra en INTUR, situado nun espazo privilexiado da Feira de Valladolid, contaba con zona de información sobre o destino e a campaña “Love Rías Baixas”, así como con espazos para presentar os materiais promocionais coa oferta turística da provincia e vídeos, que captaron un enorme interese entre o público visitante. Amais dos vídeos, outro dos elementos do stand da Deputación que xerou unha elevada interacción foi o photocall, un dos elementos máis visuais, con tres fotografías en gran formato variables centradas no Camiño Portugués pola Costa, nun spa e no castelo de Soutomaior. O photocall, na liña de sumar actividades ligadas ás experiencias, incorporaba atrezzo para que as persoas que se achegaban ata o stand puideran caracterizarse no ambiente da fotografía.

INTUR, celebrou este ano a súa vixésima quinta edición convertida no evento por excelencia centrado no turismo cultural, da natureza e gastronómico. Trátase dunha feira dirixida ao público finalista de perfil local, tanto de Valladolid como das provincias limítrofes, de interese para o destino Rías Baixas, que este ano rexistrou xa cifras prepandemia, cunha afluenza de ata máis de 30.000 visitantes.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.