A Deputación aproba as bases dunha nova convocatoria das axudas a deportistas de elite

Depo_DAN e Depo_Promesa teñen un orzamento de 250.000 euros e volven incluír, por segundo ano consecutivo, a liña Depo_DAN+ para deportistas con discapacidade

13/06/2023

A Deputación vén de aprobar na Xunta de Goberno as bases da quinta convocatoria das axudas Depo_DAN, Depo_DAN+ e Depo_Promesa ás e aos deportistas que acaden a categoría de deportistas de alto nivel ou promesa. A institución provincial volve investir 250.000 € para apoiar e posibilitar que as e os deportistas de elite participen en competicións internacionais e estatais, ademais de axudalas/os na consecución dos logros que lles permitan acadar as súas futuras metas. Este ano, por segunda vez consecutiva, a Deputación de Pontevedra inclúe a categoría Depo_DAN+ para persoas deportistas con discapacidade física, intelectual ou visual.

Cada un dos tres grupos está composto de varios niveis de axuda. Desta maneira, os e as deportistas que obteñen o recoñecemento Depo_DAN (grupo A) poderán solicitar as axudas A1, con 2.000 euros, se acreditan un podio nun campionato do mundo; A2, con 1.250 euros, cun 4º posto en adiante en campionato do mundo ou podio en europeo; A3, con 900 €, do 4º posto en adiante nun campionato de Europa ou podio nun campionato de España, ou A4, 500 €, cun 4º posto en adiante nun campionato de España ou podio en campionato galego. No caso das e dos Depo_DAN+ (grupo A+) para deportistas de alto nivel con discapacidade, recibirán 3.000, 2.000, 1.500 ou 1.000 euros nos mesmos supostos que o grupo A. Finalmente as e os Depo Promesa (grupo B), con 1.200 euros; 800 euros e 500 euros (que corresponden cos tres primeiros supostos das categorías anteriores).

Para obter o recoñecemento da categoría de deportista de alto nivel ou promesa da Deputación de Pontevedra, as persoas solicitantes deben ser nadas ou estar empadroadas na provincia, estar recoñecidas como deportistas de alto nivel autonómico ou estatal (no caso de Depo_DAN), contar cunha licencia deportiva, non estar cumprindo ningunha sanción disciplinaria deportiva ou administrativa e non estar inmersas en ningún suposto de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas. Ademais, no caso da categoría Depo_Promesa unicamente poderán optar as persoas nacidas entre 2007 e 2011.

A concesión das axudas da Deputación de Pontevedra ás e aos deportistas de elite da provincia realízase mediante réxime de concorrencia competitiva e en función dos resultados acadados en 2022. Unha vez se publiquen no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, as persoas interesadas terán 15 días hábiles para solicitalas preferentemente a través da sede electrónica.