A Deputación adxudica a redacción do proxecto das obras de acondicionamento da Casa Barroca de Combarro

A institución provincial inviste 136.000 € para realizar obras de mellora que corrixan o seu deterioro co fin de poder executar un proxecto de musealización no inmoble protexido

24/06/2023

A Deputación vén de adxudicar a redacción do proxecto das obras de conservación da Casa de Combarro, en Poio. O obxectivo destes traballos é corrixir o seu deterioro co fin de que o Concello poida poñer en marcha un centro de promoción turística e de posta en valor do seu patrimonio histórico-cultural que converterá esta peza arquitectónica protexida nun recurso turístico e museográfico de primeira orde. As futuras obras están valoradas en 136.000 € e estarán sufragadas pola Deputación, co obxectivo de deixar o inmoble en perfectas condicións de habitabilidade previamente a que a institución llo ceda gratuitamente ao concello por un período de 30 anos.

As obras de mellora da Casa de Combarro contemplan a substitución da cubrición por unha nova que incluirá illamento, xa que a actual se atopa en mal estado e con risco de desprendemento de tellas. Tamén se revisará a estrutura de madeira que soporta a cuberta, substituíndo os elementos que se atopen en mal estado. A intervención abrangue obras de conservación con sistemas acordes á contorna e á tipoloxía deste inmoble, polo que se optará por un tellado inclinado de viguetas de madeira. A nova capa de illamento térmico permitirá mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

A actuación a desenvolver tamén incluirá a limpeza dos muros de pedra de forma manual para protexelos fronte a humidades, e tamén se revisará o encintado da pedra. Substituiranse as carpintarías exteriores por unhas novas nas que se empregarán madeira nobre e dobre ou triplo vidro con tratamento de baixas emisións, realizarase un novo revestimento dos elementos de madeira situados no teito dos soportais exteriores e, en cuestións térmicas, implantarase un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia e un sistema de ventilación con recuperador de calor. As obras inclúen o pulido e aplicación de vernizado ou aceite no pavimento de madeira do andar alto, a remodelación do aseo do andar baixo, a execución de novas instalacións de fontanería, saneamento e electricidade e a substitución das lámpadas por novas luminarias LED.

Ademais, a Deputación investirá outros 100.000 € neste inmoble –a través dunha subvención nominativa ao Concello de Poio– no marco deste proxecto, concretamente para a redacción e a execución da musealización da casa barroca coa que se poderá materializar o futuro centro de promoción turística e de posta en valor do patrimonio histórico-cultural de Combarro.

A Casa de Combarro, situada na rúa San Roque 59 e con 133 m2 de superficie total, foi construída no século XVII e está catalogada cun nivel de protección 1º de carácter Monumental. Foi adquirida pola Deputación de Pontevedra en 1958, e en 1978 o Pleno cedeu o seu uso, de balde e en precario, ao Ministerio de Cultura para habilitar unha casa da cultura e oficina de turismo. As condicións de uso do inmoble foron sucedéndose con escasa ou nula documentación, o que obrigou a Deputación a aclarar con rigor e seguridade xurídica a titularidade do inmoble para poder realizar a cesión ao Concello de Poio, aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación Provincial de decembro de 2022.