Chega a Tui “Lebres como Gacelas”, a exposición que une poesía e fotografía en homenaxe a Xela Arias

A mostra, na que sete autoras galegas participan con 21 poemas inspirados nas fotografías de Eva Díez e Fran Herbello, poderase visitar na Sala de Exposicións Francisco Sánchez ata o 11 de xuño

02/05/2022

Despois do seu paso por Vigo e Caldas, a exposición “Lebres como Gacelas”, promovida pola Deputación de Pontevedra en homenaxe a Xela Arias e que conxuga poesía e fotografía, chegará este martes a Tui, onde se poderá visitar na Sala de Exposicións Francisco Sánchez ata o 11 de xuño. A mostra reúne 21 poemas asociados a 21 imaxes fotográficas e toma como referencia o libro de Xela “Tigres coma cabalos”, onde a autora confrontaba cada un dos seus poemas con imaxes do fotógrafo Xulio Gil. Deste xeito, nesta proposta son sete mulleres da escrita galega, Tamara Andrés, Alba Cid, Lorena Conde, Lara Dopazo, Miriam Ferradáns, Olga Novo e Antía Otero, as que amosan as súas obras poéticas creadas para a mostra e inspiradas nas fotos dos artistas referentes Eva Díez e Fran Herbello.

O acto de apertura da mostra terá lugar mañá martes ás 20 horas e contará cun recital de poesía e música, que protagonizarán dúas das poetas que interveñen na mostra, Miriam Ferradáns e Lorena Conde, acompañadas de dúas alumnas (Debora Vaz Casal e Sara Quesado Pérez) e unha docente (Beatriz Cristóbal Calvo) do Conservatorio de Música de Tui.

Tanto estas poetas como as restantes participantes crearon expresamente as súas pezas para a mostra (tres cada unha) e retratan o corpo e a contorna cunha ollada fixa na realidade máis inmediata. Temas como a arquitectura, especialmente relacionada coa paisaxe, están moi presentes nas distintas obras da exposición, así como a pegada do corpo humano na vivenda e nas citadas paisaxes. A mostra poderá visitarse ata o 11 de xuño, en horario de luns a venres de 8.30 a 13.30 horas polas mañás e de 15.30 ás 20.30 horas polas tardes. Os sábados está aberta de 9 a 13 horas.