Caldas acolle este mércores 8 o pase do filme "A Foreign Song" ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo

A proxección do documental dirixido por César Souto terá lugar no Cine Avenida ás 20:30 horas

07/11/2023

O concello de Caldas de Reis acolle este mércores 8 de novembro unha nova proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta ocasión, os veciños poderán gozar de “A Foreign Song”, dirixida por César Souto e finalista na categoría de documentais na gala dos Mestre Mateo, no pase que terá lugar no Cine Avenida ás 20:30 horas.

Este documental aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, cuxa ordinaria vida escondía o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX,  e que durante 40 anos traballou nunha compañía de seguros. Erguíase todos días ás 6:00 e deitábase ás 21:00 horas. Nos seus días non había pericias interesantes nin grandes dramas. Cando se lle pediu unha nota biográfica para presentar a súa obra, o poeta negouse a escribila. Cría profundamente que a poesía non é persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun outro.

Ademais de Caldas de Reis, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os da Guarda, Baiona, O Grove e A Estrada. Estes municipios exhibirán, ademais de O corpo aberto, María Casares, a muller que viviu mil vidas e Unicorn Wars, recoñecidos respectivamente como mellor longametraxe, documental e filme de animación na última edición dos Mestre Mateo, os documentais Onde máis doe (dirixido por Manane Rodríguez, 2022) e No somos nada (Javier Corcuera), así como a película de animación Valentina (Chelo Loureiro) e as longametraxes Live is Life (Dani de la Torre), e Código Emperador (Jorge Coira).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.