Deputación e Fundación Alexandre Bóveda colaborarán para pór en valor a figura do histórico pontevedrés

O vicepresidente Rafa Domínguez mantivo con Valentín Bóveda, representante da Fundación a súa primeira reunión como responsable da área de Memoria Histórica da Deputación

 

07/08/2023

reunion fundacion alexandre boveda

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o representante da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín Bóveda, mantiveron esta mañá unha reunión no Pazo provincial para explorar posible vías de colaboración co obxectivo de salvagardar a figura do histórico político pontevedrés. Trátase ademais dun encontro significativo, xa que é a primeira reunión do vicepresidente trala delegación das súas áreas, neste caso como responsable do departamento de Memoria Histórica da Deputación.

Rafa Domínguez confirmou que a próxima semana participará nos actos do ‘Día da Galiza Mártir’, que se celebran todos os 17 de agosto na Caeira en homenaxe ao político como símbolo das persoas que sufriron a represión franquista. O vicepresidente Domínguez amosou o seu compromiso co fomento e a difusión da historia de Alexandre Bóveda, así como a reforzar o compromiso da institución provincial coa Fundación que leva o seu nome e que traballa activamente na salvagarda da súa figura.

Durante o encontro, o vicepresidente provincial sinalou que a Fundación Alexandre Bóveda desempeña un papel fundamental na preservación cultural galega, e asegurou que a Deputación de Pontevedra apoiará o seu labor para garantir a conservación da riqueza cultural que define a Galicia e á provincia de Pontevedra. Así, tal como garantiu Rafa Domínguez, a colaboración entre a Deputación de Pontevedra desde o gabinete que el lidera e a Fundación Alexandre Bóveda contribuirá a dar unha maior visibilidade á historia de Bóveda a nivel local e internacional.