A Deputación acolle un congreso sobre prevención, modelo forestal e usos do solo dentro do proxecto europeo Interlumes

O evento reunirá o luns, 12 de decembro, a persoas expertas de todo o Estado en materia de enxeñeira forestal, lumes rurais, despoboamento e cambio climático ou medio ambiente

08/12/2022

Interlumes

A Deputación de Pontevedra celebra o vindeiro luns, 12 de decembro, o primeiro Congreso sobre Prevención, Modelo Forestal e Usos do Solo, unha actividade que se enmarca dentro das accións do proxecto Interlumes de defensa contra incendios forestais na fronteira Hispano-Lusa, financiado nun 75% con fondos FEDER a través da 4ª convocatoria do Programa de Cooperación Interreg V a España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. A Administración provincial é un dos socios deste programa, coordinado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, xunto coa Dirección Xeral Patrimonio Natural e Política Forestal da Xunta de Castela e León, a Dirección Xeral de Política Forestal, Consellería de Agricultura, Desenvolvemento Rural, Poboación e Territorio de Extremadura, a ANECP – Autoridade Nacional de Emergência e Proteçao Civil de Portugal e as deputacións de Ourense, Salamanca e Zamora.

No congreso, moderado pola coordinadora do proxecto, María Honorina Barrio, exporanse as experiencias de expertos e expertas de todo o territorio nacional, que compartirán información sobre accións levadas ao abeiro de Interlumes, ademais de tratar diferentes temáticas relacionadas coa extinción de incendios. Así, trala presentación do congreso, a xornada comezará coa intervención de Guillermo Fernández, subdirector xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación do Goberno, que falará da Estatexia Forestal Española (EFE) horizonte 2050; Lídia Guitart, enxeñeira forestal e xerente da Asociación de Propietarios Montnegre i el Corredor (Barcelona) do papel das asociacións de propietarios na xestión forestal, e Bruno Antunes, coordinador-rexional do Norte, da Axencia para a Xestión Integrada de Lumes Rurais (AGIF), do sistema de xestión integrada de lumes rurais en territorios transfronteirizos. 

Esta xornada técnica continuará coa intervención de Virginia Carracedo, xeógrafa e doutora pola Universidade de Cantabria, que falará do despoboamento rural e o cambio climático, incidindo nos combustibles forestais; Óscar Sánchez, xefe do servizo de Medio Ambiente da Deputación de Salamanca, da colaboración entre territorios para mellorar a loita contra os incendios forestais, e Alberto Cerrillo, CEO da empresa Vexiza, explicará a tecnoloxía SIG como unha ferramenta de grande utilidade na loita contra incendios. 

Interlumes

As actuacións incluídas no proxecto Interlumes buscan dar resposta ás fraxilidades territoriais que afectan ao espazo transfronteirizo e que son resultado da súa elevada exposición a riscos naturais como incendios forestais, inundacións, erosións, etc., que, en ocasións, son agravados pola acción do ser humano. En concreto, este proxecto internacional xorde baixo a premisa de que o lume non entende de fronteiras e os incendios castigaron duramente nos últimos anos os recursos naturais na área fronteiriza, que conta con espazos protexidos de gran valor, o que obriga as administracións implicadas a desenvolver actuacións conxuntas e enerxéticas. Desta maneira, busca contribuír a aumentar a resiliencia territorial para estes riscos naturais mediante o fortalecemento da capacidade de extinción, prevención e de resposta conxunta, mellorando a coordinación a través dun Plan de Actuación Conxunta e incrementando a capacidade de resposta de medios de extinción que favorezan un despregamento máis áxil e rápido na loita contra incendios.

Para acadar este obxectivos o proxecto dividiuse en varias accións que se veñen levando a cabo desde o pasado ano 2021. Ademais de organizar o congreso, a Deputación colabora en Interlumes co desenvolvemento dun sistema integral de xestión de puntos de carga para a extinción dos incendios forestais da provincia e dunha guía técnica que sirva de axuda a propietarios/as de montes e comunidades locais na xestión das masas forestais (aproveitamentos, usos e melloras dos terreos forestais) e que ofrece recomendacións técnicas. A Deputación tamén se encargará de subministrar equipos de prevención e extinción de incendios forestais na provincia, máis concretamente de bombas flotantes de alta presión, así como de aspectos da xestión e coordinación do proxecto.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.