Deputación e concello de Vigo enchen de cor o CEIP Balaídos coa nova cuberta do patio escolar

Carmela Silva: “A educación pública ten que ter os mellores equipamentos e hoxe este centro os ten. Este proxecto serve para encher de cor e de vida ás mestras e mestres, ás nenas, aos nenos e á cidade”

28/04/2022

CEIP Balaídos  nova cuberta do patio escolar

O alumnado do CEIP Balaídos de Vigo xa pode desfrutar do seu recreo e das actividades escolares nos días de choiva grazas á nova e espectacular cuberta do patio que acaban de estrear e que enche de cor este colexio, como destacaron hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Abel Caballero, durante a inauguración da obra, na que participou gran parte da comunidade escolar. O proxecto foi froito dun convenio entre ambas administracións e supuxo un investimento de preto de 360.000 euros.

Carmela Silva subliñou a importancia de que os centros de educación pública conten “cos mellores equipamentos”. “Coa educación construímos futuro, construímos sociedade e por iso teñen que ter as mellores instalacións –apuntou-. E hoxe, este centro as ten e prodúceme unha gran alegría que a Deputación teña participado para que este colexio sexa un referente”. Destacou o deseño e a nova imaxe do patio “que me recorda ao proxecto ‘Vigo, cidade de cor’ para encher de cor e de vida a cidade”. “Con el enchemos de cor a vida das mestras e mestres, de todas as nenas e nenos, de xeito que amais poida haber espazos na cidade onde a choiva non impida saír para xogar e pasar os tempos dos recreos”. A presidenta lembrou que pasou parte da súa formación neste colexio e a unha das súas referentes en pedagoxía de Matemáticas, a súa profesora Marisé.

Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero, cualificou ante a rapazada do centro a nova instalación como “o mellor patio do mundo e o mellor colexio do mundo”. “Nós entendemos que temos que apoiar a educación pública de xeito moi importante –sinalou-. E atopabámonos con este colexio que carecía dun patio cuberto onde as nenas e nenos puideran facer os seus recreos nos días de choiva. E agora ter descuberto esta placa e ver estas cores vermella, verde e azul, e a arquitectura do pavillón, que son as ondas de Vigo, é un honor. Se alguén quere ao mar no planeta é a cidade de Vigo”. Caballero lembrou que o Concello non atopou resposta na Xunta –“porque non está nin se a espera”- para abordar estas cubertas, polo que se pediu a colaboración da Deputación e, deste xeito, amais das dúas xa rematadas, están a abordarse proxectos para outros cinco centros. “O que queremos é que profesoras e profesores, alumas e alumnos, esteades na mellor situación posible”, engadiu.

No acto, a directora do centro, Laura Álvarez, acompañada pola xefa de estudos Inmaculada Tapias, agradeceu o investimento “que nos permite ter un patio máis activo para as nenas e os nenos, que antes non podían saír cando chovía e agora podemos desfrutar do aire libre a pesar do tempo”. “No noso centro –apuntou- desfrutamos duns patios dinámicos cheos de xogos e así podemos aproveitalos a diario”.

O proxecto

A actuación no CEIP Balaídos consistiu na cubrición da pista máis próxima á entrada do centro para dotar ao alumnado dun espazo de lecer axeitado e facilitar tamén o uso social fóra das horas lectivas. A cuberta está soportada por columnas de formigón armado e rematada por perfís con chapas metálicas de tipo sándwich. Todo o conxunto conta cunha moderna iluminación, e acometéronse a rede de recollida de augas pluviais e reposición de pavimentos, así como a dotación de mobiliario.

Galerias de imaxes

videos