A Deputación encarga o proxecto de renaturalización da carballeira do Campo do Medio, en Sabucedo

A actuación, que superará os 100.000 euros, enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza-Tabeirós

29/12/2022

A Deputación de Pontevedra vén de encargar o traballo de redacción do proxecto de renaturalización do Campo do Medio de Sabucedo, na Estrada, para a recuperación dos valores ecolóxicos da contorna. Trátase dunha actuación incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza-Tabeirós, que acadou financiamento no marco do Plan Nacional de Sostibilidade Turística en Destinos Xacobeo convocado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio con fondos europeos Next Generation, e que vai supoñer un impulso ao turismo nestas comarcas do interior da provincia en liña cos obxectivos de loita contra o despoboamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado.

O Plan de Sostibilidade Turística de Deza e Tabeirós-Terra de Montes concede un especial protagonismo á mellora integral dos recursos ecosistémicos en dúas rutas emerxentes do Camiño de Santiago cunha grande afluencia de persoas peregrinas procedentes de Portugal: o Camiño da Geira e dos Arrieiros e o Camiño Miñoto Ribeiro. No caso do Camiño da Geira, o Plan inclúe o proxecto de rexeneración e mellora do Campo do Medio de Sabucedo, lugar onde se celebra a Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional.

A intervención suporá a renaturalización desta contorna para recuperar os seus valores ecolóxicos e o seu valor como recurso turístico natural. No proxecto contémplanse as seguintes actuacións: a rexeneración da Carballeira, a cobertura radicular e a adaptación natural das pendentes para evitar escorregóns, a substitución dos valos de madeira e a mellora da accesibilidade na adecuación da zona de acampada.

Ademais o proxecto, cuxa execución superará os 100.000 euros, deberá integrarse coa humanización do núcleo de Sabucedo. Esta intervención destinarase a mellorar a recollida de augas pluviais e a garantir a seguridade do tránsito peonil neste núcleo, con calmado de tráfico e delimitación dos espazos de convivencia veciñal. A Deputación presentou ao Concello da Estrada este proxecto o pasado mes de xullo e segue agardando unha resposta por parte do goberno municipal. En todo caso, a actuación concretarase nun convenio entre ambas as dúas administracións.

A intervención no Campo do Medio complementarase coa instalación dun miradoiro no Curuto, onde se poderán divisar de forma respectuosa as manadas de bestas en liberdade e unha panorámica do espazo natural. Entre o resto de accións do Plan de Sostibilidade Turística na Estrada, salientan a proposta museográfica dixital para a Rapa das Bestas, zonas de refuxio para persoas peregrinas na Estrada e Forcarei, plans e campañas de márketing, formación para hostalería e comercio local e unha central de reservas de aloxamento.

O Plan de Sostibilidade Turística de Deza-Tabeirós elaborado pola Deputación de Pontevedra suporá todo un impulso ao destino das dúas comarcas, xa que está baseado nunha estratexia cun triplo carácter transformador: dixital, económico e social e sostible. O plan obtivo unha puntuación de 88 puntos sobre 100 na convocatoria do Ministerio e máis de 2 millóns de euros de fondos Next Generation. Contémplanse 14 actuacións organizadas en catro eixos programáticos: transición verde, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.

O Plan de Sostibilidade mellorará a Vía da Prata ao paso pola Bandeira, en Silleda

A Deputación de Pontevedra tamén encargou a redacción doutra das accións contempladas no Plan de Sostibilidade Turística de Deza-Tabeirós: a mellora da mobilidade peonil da Vía da Prata ao seu paso pola Bandeira, en Silleda. Actuarase nun tramo aproximado de 150 metros no entronque da estrada N-525 coa EP-6511, no lugar da Casela, na Bandeira, coa finalidade de eliminar un punto negro e aumentar a seguridade peonil para a veciñanza residente e as persoas peregrinas que realizan o Camiño de Santiago. O proxecto inclúe a instalación dunha beirarrúa (ou espazo similar) dedicado ao tránsito peonil, limitación da velocidade máxima do tráfico rodado e a instalación de sinalización, horizontal e vertical, así como a referida ao itinerario de peregrinación.

 

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.