A Deputación de Pontevedra recibe o Club Natación Ponteareas tralo seu ascenso á 1ª división estatal

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, saudaron as nadadoras do club (unha delas, Carla Carrón, non puido asistir por atoparse concentrada coa selección española) e o presidente e director técnico da formación, Andrés Carrera, ás e aos que felicitaron por ter conseguido ascender á primeira división do Estado

20/02/2023

A Deputación de Pontevedra recibe o Club Natación Ponteareas

“Somos-sinalou o deputado de Deportes- unha institución abandeirada do apoio ao deporte feminino, para darlle o espazo que merece por xustiza: desde igualar as axudas aos clubs ata dar os mesmos premios económicos nas competicións”. Gorka Gómez lembrou que a Deputación impulsa outras accións como as bolsas para estudos de adestramento, das que precisamente unha das xogadoras presentes se ten beneficiado. “Temos que facer todo o posible e tamén dar visibilidade aos seus éxitos, porque non ocupa o espazo que merece nos medios malia que son elas quen están a colleitar os maiores logros”, reflexionou.

A nadadora Alba Ortiz de Guinea agradeceu a Deputación polo apoio e asegurou que “formar parte dos 24 mellores clubs do Estado é un honor e non unha sorte, xa que é o froito de horas de traballo moi duro na piscina”, e máis “para un club tan pequeno, con menos axudas e opcións para poder chegar”. A deportista, en clave de broma, afirmou que tralo ascenso a formación vai “levar o escudo do club e o nome de Ponteareas e plantarse en fronte de clubs de renome e moi recoñecidos para dicirlles que se lles acabou o choio”.

Pola súa banda, o presidente e director técnico Andrés Carrera puxo o foco na necesidade de “formar un equipo que poida manter un alto nivel cando moitas das nosas xogadoras están en época universitaria, para que o club siga medrando”. Carrera tamén agradeceu o apoio da Deputación “cuxas axudas son imprescindibles para nós” e tomou a remuda do deputado ao falar das aparicións en medios porque “son un reclamo para patrocinadores privados, os que nos permiten chegar máis alto nos nosos proxectos”.