A Deputación desbloquea actuacións no Concello de Pontevedra que ascenden a 6,2 millóns de euros

Prorróganse ata finais de 2024 os convenios para o novo acceso ao Hospital de Montecelo, renovar a iluminación pública no centro, rehabilitar o Pazo do Concello e remodelar a praza de Barcelos que o Goberno local non puido rematar a tempo

24/11/2023

Rafa Domínguez en Foro Empresa Pontevedra

O Pleno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a prórroga do convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Pontevedra para poder rematar as obras de acceso ao Hospital de Montecelo. Xunto a esta prórroga, o Goberno de Luis López desbloqueou, a través de comisións de seguimento, outras tres obras no concello que o Goberno local tampouco puido rematar a tempo.  En total, as actuacións na capital da provincia ascenden a 6,2 millóns de euros financiados integramente pola institución provincial.

“Imos garantir que rematen as obras que está a impulsar a Deputación na cidade polo ben de Pontevedra. A boa vontade do Goberno provincial permitirá desbloquear estas actuacións”, asegurou Rafa Domínguez. Non obstante, o vicepresidente lamentou que se xustifiquen os retrasos das obras, cuxos convenios se asinaron en 2021 e a comezos de 2022 e cuxas obras levan anos en marcha, argumentando que “choveu moito e houbo fortes refachos de vento en outubro deste ano” ou “nas paradas de produción e diminución das redes loxísticas de transportes”.

A Deputación de Pontevedra está a financiar integramente, con 1,4 millóns de euros, as vías de acceso rodado e peonil ao novo equipamento hospitalario de Montecelo para atender axeitadamente a demanda de mobilidade e a dotación de infraestruturas e servizos urbanos. Dado que o Concello de Pontevedra non puido executar nin rematar a obra a tempo, prevista para o 31 de decembro de 2023, o Goberno provincial aprobou no Pleno da Corporación provincial prorrogar a vixencia do convenio asinado o 22 de outubro de 2021 ata o 31 de decembro de 2024.

Xunto a esta actuación, o Goberno de Luis López tamén desbloqueou outras tres actuacións no Concello de Pontevedra que o Goberno local tampouco puido rematar a tempo, como a renovación da iluminación pública do centro urbano, as obras de rehabilitación interior e a mellora da accesibilidade do Pazo do Concello; e as obras de remodelación da vía perimetral da praza de Barcelos, nas que a Deputación de Pontevedra está a investir outros 4,8 millóns de euros e que tiñan previsto rematar antes do 31 de decembro de 2023.

No caso da renovación da iluminación pública do centro urbano, actuación na que a institución provincial está a investir 1,6 millóns de euros, o Goberno local argumentou que foi imposible rematar as obras contempladas no convenio asinado o 30 de decembro de 2022 debido ás chuvias e aos fortes refachos de vento. Así, a Comisión de Seguimento do Convenio acordou prorrogar o convenio co Concello ata o 31 de outubro de 2024 co obxecto de poder rematar e xustificar a actuación.

No caso das obras de rehabilitación interior e de mellora da accesibilidade do Pazo do Concello, nas que Deputación está a investir 1,2 millóns de euros (o 90 % do custo da actuación) por medio dun convenio asinado o 23 de decembro de 2021, o Goberno local subliñou que as obras non puideron rematarse a tempo debido ás paradas de produción e á diminución das redes loxísticas de transportes. Deste xeito, A Deputación de Pontevedra acordou prorrogar o seu remate ata o 31 de outubro de 2024.

Finalmente, no que respecta ás obras de remodelación das vías perimetrais da praza de Barcelos, nas que a institución provincial está a investir dous millóns de euros, o Concello de Pontevedra argumentou que foi imposible rematar as obras contempladas no convenio asinado o 5 de abril de 2022 debido á ocupación da vía pública con andamios e ás fortes chuvias rexistradas no último mes. Neste caso, a Comisión de Seguimento do Convenio decidiu prorrogalo ata o 31 de outubro de 2024.