A Deputación súmase ao Día Internacional das Persoas con Discapacidade poñendo o foco na importancia de promover os seus dereitos

O Goberno provincial destina preto de medio millón de euros anuais para apoiar actividades e proxectos de índole social que se desenvolven na provincia dirixidos a persoas con discapacidade en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social

02/12/2023

Pazo provincial

A Deputación de Pontevedra súmase ao Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra esta domingo 3 de decembro, poñendo o foco na importancia de promover os dereitos e o benestar destas persoas, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural. Deste xeito, o Goberno provincial, a través de distintas convocatorias do Servizo de Benestar Social, destina preto de medio millón de euros anuais para apoiar actividades e proxectos de índole social que se desenvolven na provincia de Pontevedra, dirixidos a persoas con discapacidade en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social. En concreto, ao longo deste 2023 foron desenvolvidos setenta proxectos por parte doutras tantas entidades de dezaoito concellos da provincia.

Para seguir avanzando neste eido, de cara a 2024, a Deputación porá en marcha unha nova liña de axudas para proxectos de mellora de accesibilidade arquitectónica e de accesibilidade na comunicación, e axudas técnicas por un importe de 180.000 euros. Deste xeito, seguirase a traballar por unha provincia inclusiva e pola autonomía e independencia individual das persoas con discapacidade, incluída a liberdade de tomar as súas propias decisións, coma se recolle na convención internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade das Nacións Unidas.

Actos polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Para celebrar esta data, desde o pasado venres e ata o luns 4 de decembro, a Deputación ilumina o Pazo provincial de cor verde. Así, a institución únese á campaña “Baixo o mesmo paraugas”, un movemento que agrupa case cen entidades sociais en Galicia e que leva oito anos reivindicando de maneira conxunta unha sociedade plural e diversa. Ademais, a deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, participará este domingo, 3 de decembro, ás 12:00 horas, na praza da Peregrina no acto organizado en Pontevedra para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.